'Domingos do Principal' abre o novo ano con catro propostas teatrais para toda a familia

Pontevedra
19 de decembro 2025
Actualizado: 13:13

A programación comezará o 11 de xaneiro e estenderase até o 1 de febreiro. As entradas terán un custo de 4 euros e os abonos para as catro funcións poderanse adquirir por 12 euros

Coa cabeza nas nubes
Coa cabeza nas nubes / Söa

As mañás e as tardes de inverno converteranse a partir do mes de xaneiro en espazos de distracción familiar cunha nova edición de 'Domingos do Principal'.

A programación foi presentada este venres polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e por Xacobe Rodríguez, de Teatro Akatro, quen propón unha colección de tres obras do mellor teatro galego e unha peza de Cataluña.

O ciclo comezará o 11 de xaneiro e estenderase até o 1 de febreiro cunha programación que inclúe distintos tipos de espectáculos e formas de expresarse sobre o escenario.

As xornadas comezan coa comedia musical 'Molto Barroco' da compañía galega Píscore e que fora suspendida o pasado mes de novembro por problemas de saúde dun membro do elenco.

A obra é unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro. Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o rei encarga ao compositor da corte unha peza orixinal. Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o tres músicos de cámara, o rei, a súa prometida e, se cadra, futura raíña e o compositor.

A peza foi seleccionada para o Certame Barroco Infantil do Teatro Clásico de Almagro en 2024.

O 18 de xaneiro será a quenda de 'Coa cabeza nas nubes', de Söa, un espectáculo multidisciplinar que combina teatro físico, danza e clown para público familiar.

Nun mesmo espazo convivirán dous personaxes. Un deles, afogado polo traballo, tenta sobrevivir baixo unha chea de papeis e as tarefas non deixan de acumularse. A súa compañeira, no canto de botarlle unha man, interrómpeo constantemente e só pensa en xogar. Entre ambos se desata unha divertida batalla chea de acrobacias onde se confrontan dúas visións da vida.

O seguinte domingo, o 25 de xaneiro, 'Bulebule', dos Náufragos, aterrará no Teatro Principal para facer reflexionar ao público sobre a igualdade e o esforzo das mulleres para derrubar as barreiras que lles impiden acceder a determinadas profesións.

No escenario estará Candea, unha moza que ten trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH) e chámanlle Bulebule. Encántalle o mar e soña con ser patroa dun barco. Tamén lle gusta pasar tempo co seu amigo Bruno, que vive nun faro e que sinta paixón por compor música. Trátase dunha obra que explora os camiños da igualdade e destaca o esforzo das mulleres para derrubar as barreiras que lles impiden acceder a determinadas profesións.

O ciclo de inverno de Domingos do Principal pecharase o 1 de febreiro coa obra catalá 'Camiño á escola', de Campi Qui Pugui, que conta a historia de tres irmás que se enfrontan diariamente a obstáculos e adversidades para chegar á escola. Tres nenas que viven nun país calquera, que non falan un idioma concreto pero que en realidade falan todos os idiomas. O espectáculo suxestivo, visual e sen texto inspírase na historia real de nenas e nenos de todo o mundo.

A función estivo nomeada aos premios Max 2021, recibiu o premio ao Mellor Espectáculo Familiar polos Premios da Crítica de Cataluña en 2020 e levou o premio FETÉN a Mellor Posta en Escena 2021.

Presentación de 'Domingos do Principal'
Presentación de 'Domingos do Principal'PontevedraViva

ENTRADAS E ABONOS

As entradas para cada un dos espectáculos terán un custo de 4 euros, e haberá dous pases para cada obra, ás 12:00 e ás 18:30 horas. Tamén se poderán adquirir abonos para o catro funciones por 12 euros.

As entradas e os abonos poranse á venda a partir do sábado, 20 de decembro, a través da plataforma Ataquilla.