Domínguez cre que é insuficiente a recollida de lixo e alerta da proliferación de roedores

Pontevedra
15 de novembro 2022

O portavoz municipal do PP afirma que a cidade se atopa sucia "con colectores cheos que xa desbordan no centro" e considera que a xestión municipal é neglixente. Rafa Domínguez asegura que recibiron denuncias da presenza de ratas en Benito Corbal

Reparto de contedores no centro histórico PontevedraViva

Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, denuncia o estado de "abandono" en que, segundo indica, se atopa o municipio. "Pontevedra está moi moi sucia", afirma o presidente local do PP ao sinalar que nas parroquias permanecen os contedores vellos, a recollida é insuficiente e resulta "imposible" realizar a recollida selectiva de lixo.

Pero este problema tamén o traslada aos barrios da cidade. Domínguez cualifica de "alarmante" o estado de sucidade en Monte Porreiro e engade tamén as súas críticas á zona da Seca, Praceres, A Parda, Lérez, Mollavao, avenida de Vigo e a contorna do Pazo da Cultura.

"Todos coñecemos entulleiras na cidade e non se fixo practicamente nada", explicou o representante popular para referirse tamén ao centro histórico como exemplo da sucidade xeneralizada con "contedores cheos" e "rúas sucias".

Lembrou tamén que, segundo varias asociacións de consumidores, Pontevedra ten o segundo recibo máis caro de España de recollida de lixo. 

PRESENZA DE ROEDORES

Tamén afirmou que, durante as visitas polos barrios, os populares recolleron denuncias pola presenza de roedores como en tres puntos da zona da Parda entre eles un parque infantil; en Lérez, A Seca e Monte Porreiro. Rafa Domínguez mesmo afirmou que el vira ratas en Mollavao.

Sinala, ademais, que nos últimos días recibiron alertas de presenza de ratas en Benito Corbal. Por este motivo fixo un chamamento a desratizar no centro da cidade de forma periódica porque "non é admisible que Pontevedra estea nestas condicións".

A estas queixas sumou o mal estado en que se atopan a maioría de parques e xardíns, segundo os populares. Citou os recintos axardinados da Parda, Monte Porreiro ou o parque de Conde de Bugallal, que está "totalmente abandonado".

"Pontevedra nestes momentos non cumpre os estándares de limpeza, de hixiene e de estado dos seus parques", asegurou e culpou desta situación a que o goberno local non dimensionou o contrato do lixo. "Dáme moita pena que estea tan sucia e con tantos problemas", concluíu.