A dona da tapería A Terraza Chill Out precintada polo Concello de Poio por carecer de licenza de actividade e existir incumprimentos urbanísticos, di ser vítima dun "trato discriminatorio" por parte da administración local. "A distinta vara de medir está moi clara", afirma.
Esta empresaria sostén que o Concello "non tratou ao resto de negocios veciños como a min, nin lles esixiu as licenzas que a maioría deles non ten, nin de apertura, nin de colocación de mesas en espazos públicos".
Este pasado sábado, o Concello de Poio informou que a persoa responsable da tapería rompeu o precinto e abriu ao público o establecemento. Ao lugar acudiron axentes da Policía Local e da Garda Civil que redactaron un atestado que se trasladou ao xulgado de garda.
O Concello de Poio iniciou agora unha dobre vía. Por unha banda, continúa o procedemento administrativo con multas coercitivas por incumprimento do decreto de Alcaldía no que se precintaba o local e cesaba a actividade. E por outra banda, ábrese a vía penal coa denuncia que xa se presentou no Xulgado de Garda por desacato grave á autoridade e incumprimento do precinto do local e cesamento da actividade.
Con todo, a responsable do establecemento asegura que o seu negocio ten licenza desde o ano 1957, "que sempre foi usada pola miña familia".
Lembra esta hostaleira de Combarro que sobre esta cuestión "e outras relativas a temas urbanísticos xa se discutiu en procedemento xudicial, que xa está resolto desde o ano 2013" polo que sostén que "non ten sentido que o Concello de Poio tente abrir unha e outra vez un procedemento co mesmo fondo que xa foi tratado e resolto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", que é o competente por tratarse dun tema de Patrimonio.
Esta empresaria asegura que "a actual administración do Concello de Poio négase a recoñecer este asunto como cousa xulgada", e lembra que tanto o Concello como os veciños ou calquera outro interesado tiveron oportunidade de presentar alegacións ou mostrar a súa oposición para impugnar a licenza "pero non o fixeron, co cal a miña licenza adquiriu firmeza".
Nega esta hostaleira cometer infraccións urbanísticas, asegurando que é unha "acusación totalmente falsa e daniña contra a miña honra e a miña persoa" e reitera que "xamais fixen obra algunha, e moito menos sen licenza".
Igualmente manifesta que é falso que o local careza de rexistro sanitario e argumenta que "non é competencia municipal, decidir sobre a colocación das antucas, mesas, cadeiras, etc., na praia porque están situadas na liña de costa".
Esta hostaleira entende que se vulneraron os seus dereitos co peche do local e espera que a xustiza adopte unha decisión respecto diso.
Ademáis, a hostaleira carga contra os veciños "que me denuncian unha e outra vez" aos que sinala como "os Tejeros no pobo" e a quen acusa de cometer "infraccións urbanísticas manifestas" sostendo que "usan as súas vivendas particulares como turísticas clandestinas".
Por isto pide ás autoridades que actúe a inspección "para verificar a legalidade destas vivendas de uso turístico e da multitude das que se están abrindo no pobo".
Por último, esta hostaleira lanza unha mensaxe ás administracións afirmando que "a min paréceme ben que fagan o seu traballo pero que deben de ser obxectivos e buscar mecanismos para non ser usados como instrumentos, arietes ou emisarios por mor de inimizades, celos, envexas, intereses, etc.,… de persoas que os usan só para facer dano ou prexudicar a outras, e non co obxectivo de establecer xustiza e orde na sociedade".
"Por desgraza, está a facerse un mal uso das institucións e estanse utilizando ás institucións para fins perversos e inxustos, e moitas veces, baixo presión. Isto é un síntoma de degradación democrática que cada vez se ve máis", engade.