A Audiencia de Pontevedra condenou a dous anos de prisión un home que agrediu sexualmente a unha compañeira dun taller de emprego que se celebraba en Valga.
O tribunal considérao autor dun delito continuado de agresión sexual en relación cun delito de acoso sexual no ámbito laboral.
Os feitos rexistráronse durante o curso académico 2023-2024, período no que o acusado realizou á vítima reiterados tocamentos non consentidos e comentarios de índole sexual, segundo considera probado a sentenza.
Estas agresións sexuais producíronse, entre outros puntos, no centro onde se impartía o taller, nun parque de Valga ou no lago coñecido como Mina Mercedes.
Ademais da pena de cárcere, a Audiencia de Pontevedra impedirá o condenado aproximarse ou comunicarse coa afectada durante cinco anos.
Terá tamén que pagarlle 5.000 euros polas secuelas e os danos morais que lle causou.
Os maxistrados, pola súa banda, absolveron o Concello de Valga, a quen os avogados da vítima reclamaban como responsable civil subsidiario.
O tribunal entende que non se acreditou que incumprise os seus deberes de vixilancia.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.