Dous millóns de euros para mellorar a accesibilidade nas parroquias

Pontevedra
10 de xullo 2015

O equipo de goberno proporá un expediente de modificación de crédito ao vindeiro pleno. Segundo o portavoz do goberno local, Raimundo González, este investimento recóllese do superávit orzamentario de 2014 que superou os 4 millóns de euros

O portavoz do equipo de goberno en Pontevedra, Raimundo González PontevedraViva

O goberno local porá en marcha oito actuacións no rural pontevedrés cun investimento de dous millóns de euros para mellorar a accesibilidade de determinados espazos das parroquias do municipio.

As obras que se executarán serán en:

. Ponte Sampaio: calmado de tráfico entre a ponte e o centro escolar

. Lérez: Acceso a Casaldorado dende a estrada de Santiago

. Campañó: Conexión entre Sabarís e O Cabaleiro

. Santo André de Xeve: Camiño dá Panadaría

. Lourizán: Acceso ao colexio da Carballeira

. Tomeza: Acceso á parroquia dende Ponte da Condesa

. Bora: Mellora da accesibilidade no Couto

. Salcedo: Conexión dende Carramal ao Cruceiro

Estes traballos centraranse en pavimentar, mellorar a seguridade viaria, crear unha rede de recollida de pluviais e a instalación e mantemento das sinalizacións.

O financiamento, segundo apuntou o concelleiro de Economía,Raimundo González, será a través dunha modificación de crédito que se levará a pleno neste mes de xullo. Os fondos proceden do remanente líquido de tesouraría do Concello que, segundo expuxo o concelleiro, superou en 2014 a cantidade de 4 millóns de euros. González engadiu que o mantemento nas vías públicas teñen un elevado custo a partir dos 20 anos de antigüidade, superando os 10.600 euros por quilómetro e ano.