Dous novos apartahoteis crearán case cincuenta novas prazas de aloxamento en Covelo

Poio
17 de decembro 2025

Terán a categoría de tres estrelas e ocuparán parcelas contiguas. Contarán con oito apartamentos cada un deles. Para o goberno municipal, isto demostra que Poio está "en pleno crecemento"

Novo apartahotel en Covelo

Poio aumentará moi pronto a súa oferta de aloxamentos turísticos. Será con dous novos apartahoteis que se construirán en Covelo.

O proxecto, que xa conta coa autorización de Turismo de Galicia, foi aprobado tamén na comisión municipal de urbanismo.

Os novos apartahoteis ofertarán, no seu conxunto, case cincuenta novas prazas.

Terán a categoría de tres estrelas e ocuparán parcelas contiguas. Contarán con oito apartamentos cada un deles.

Para a concelleira de urbanismo, Rocío Cochón, a chegada destes dous novos establecementos hoteleiros demostra que Poio está "en pleno crecemento".

Novo apartahotel en CoveloConcello de Poio

Así, recordou que nos últimos meses estanse dando a coñecer numerosas iniciativas turísticas, pero tamén residenciais e empresariais en todo o municipio.

A edil quixo agradecer a todos os que están confiando no potencial de Poio e escollen este municipio para os seus proxectos, e garantiu que "terán sempre a porta aberta e toda a colaboración do goberno local para xerar riqueza e emprego".

O obxectivo de todo este traballo, segundo Cochón, é seguir facendo de Poio "o mellor lugar para vivir, traballar, investir e visitar os 365 días do ano".