Poio estrea a nova senda entre Fontenla e Combarro e a Xunta anuncia un novo treito ata Covelo

Poio
05 de xuño 2025
Actualizado: 15:11

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que deste xeito acadarase un "itinerario continuo e seguro", entre sendas e beirarrúas, entre San Xoán de Poio e a praia da Lanzada

Estrea da nova senda entre Fontenla e Combarro
Estrea da nova senda entre Fontenla e Combarro / Xunta de Galicia

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, estreou este xoves un novo itinerario peonil e ciclista de 1,7 quilómetros na estrada autonómica PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio e anunciou a ampliación da senda ata Covelo.

Será na segunda fase deste Plan de Sendas de Galicia cando se abordará o outro treito nesta PO-308 que unirá Combarro, onde agora finalizou a obra, con Covelo, e cofinanciarase con fondos europeos FEDER.

Este itinerario se unirá ao xa executado nesta estrada entre Covelo e Raxó.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que deste xeito acadarase un "itinerario continuo e seguro", entre sendas e beirarrúas, entre San Xoán de Poio e a praia da Lanzada, en Sanxenxo, "que permitirá ir andando ás praias desta contorna privilexiada que desfrutamos", dixo.

"Seguimos tecendo por toda Galicia a gran rede que son as nosas sendas, novos camiños para peóns e para afeccionados á bicicleta, que son tamén marca Galicia calidade", destacou Allegue.

Nesta visita a conselleira estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes.

Esta senda vai desde a glorieta que dá acceso á variante norte de Poio ata o núcleo de Combarro. Nesta actuación investíronse 1,7 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

O alcalde de Poio lembrou que ao presentar esta reforma "había moita preocupación pola escasez ou pola perda de plazas de aparcamento" polo que "nos pusemos a traballar entre todos da man dos veciños". Moldes agradeceu "a solidariedade" da veciñanza que "en algún caso fixeron cesions voluntarias" o que, "complementado con outras zonas" permitiu manter o mesmo número de plazas de estacionamiento que había anteriormente.

Moldes aplaudiu que a estrada "gaña en calidade, en estética, en seguridade", e na "mellora da calidade de vida dos veciños".

Estrea da nova senda entre Fontenla e Combarro
Estrea da nova senda entre Fontenla e Combarro

A actuación completouse con outras intervencións como a habilitación dunha pasarela sobre o arroio da Cancela, así un novo itinerario no viario de baixada á Seca, a dotación de zonas axardinadas, mobiliario urbano ou a disposición de catro novas marquesiñas nas paradas de autobús, ademais das actuacións na rede de drenaxe, de abastecemento, electricidade e iluminación.

Para garantir a seguridade na circulación rodada, abordáronse medidas para contribuír a calmar o tráfico como a mellora das interseccións, entre elas, a de acceso ao instituto de Poio ou a habilitación de dúas glorietas, unha delas de acceso á zona de Seca.

A conselleira destacou que esta actuación permite conectar varios puntos de interese no concello de Poio, como son o conxunto histórico de Combarro, así como o parque da Seca, o colexio Isidora Riestra ou a praia do Padrón.

Para Martínez Allegue este tipo de actuacións son "fundamentais para garantir a seguridade e os desprazamentos da cidadanía e fomentar a mobilidade sostible".

A conselleira fixo referencia ao elevado tráfico que se rexistra esta estrada que canaliza a circulación entre Pontevedra e Sanxenxo e sirve de acceso ás praias, con máis de 12.000 vehículos diarios neste treito e ata 16.000 no treito máis próximo a Pontevedra.