Dous recursos, un presentado polo 'cártel do lixo', paraliza o contrato de xestión de residuos de Pontevedra

Pontevedra
27 de xaneiro 2023

O prazo de presentación de ofertas concluía o luns 30 de xaneiro, pero, durante a fase de licitación chegaron estes dous recursos ante o Tacgal e, por criterio de seguridade xurídica e prudencia, #optar pola paralización cautelar de todos os prazos do procedemento

Raimundo González, concelleiro de Economía e Facenda Diana Eiras

Dous recursos presentados nos últimos días ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal) levaron ao Concello de Pontevedra a paralizar o procedemento de licitación do novo contrato de residuos de competencia municipal, que estaba en fase de presentación de ofertas. 

Segundo os prazos iniciais, o prazo de presentación de ofertas concluía o luns 30 de xaneiro, pero, durante a fase de licitación chegaron estes dous recursos e, por criterio de seguridade xurídica e prudencia, optouse pola paralización cautelar de todos os prazos do procedemento. 

Un dos recursos presentounos a Asociación de Empresas de Limpeza Pública e Coidado do Medio Ambiente Urbano (ASELIP), unha entidade que moitos coñecen como 'cártel do lixo' e  que está integrada polas principais empresas do sector, FCC Medio Ambiente, Urbaser, Cespa (Ferrovial Servizos), SAV (Agricultores de la Vega), Valoriza Medio (Sacyr), OHL Servizos Ingesan, Contenur, Acciona e Ascan Servizos Urbanos.

O segundo recurso presentouno unha empresa de economía social, Moda Re-, vinculada a Cáritas e dedicada á xestión integral da roupa usada. 

O concelleiro responsable de residuos urbanos, Raimundo González, deu a coñecer este venres a decisión municipal e explicou que o fan porque, aínda que inicialmente os técnicos municipais "non lle ven percorrido" aos recursos, si que queren tramitar o expediente "coas maiores garantías xurídicas posibles".

Así, destaca que se trata dun contrato "importante, novo, de vangarda, que persegue novos obxectivos ambientais" e, para o Concello, "o que importa son os obxectivos para cumprir, non os prazos", de modo que prefiren que esta paralización do expediente sexa para blindar o expediente, aínda que atrase a súa tramitación. Así, insisten en que "queremos que vaia ben feito, que non teña ningún escape". 

"O importante é que isto chegue a bo porto", explica Raimundo González, que recoñece que este contrato leva acumulando varios atrasos derivados de cuestións alleas á xestión municipal como a pandemia ou a crise de prezos e inflación que obrigou a refacer o estudo económico.

González non facilita detalles do recurso do 'cártel do lixo', que o Concello aínda non respondeu porque chegou este mesmo xoves 26 de xaneiro, pero si adianta a súa interpretación e é que "poñen en discusión os obxectivos legais" da xestión de residuos. Aclara que non cuestionan a prata de compostaxe da Canicouva. 

A próxima semana o Concello responderá a ambos os recursos e espérase que en 3 ou 4 semanas haxa resolución do tribunal. A partir de aí, se dá a razón ao Concello, seguirá o proceso. Se a razón é do cártel, realizaranse as correccións oportunas. 

Este contrato é o máis importante da historia do Concello de Pontevedra, cun custo total de 233.395.720 euros en 20 anos de duración, 11.669.786 euros por ano.