Drons ao servizo do salvamento nas praias de Sanxenxo

Sanxenxo
17 de agosto 2018

A praia de Silgar acolleu este venres unha demostración dun novo sistema de uso de drons para colaborar con tarefas de salvamento. O Concello estudará a súa implantación definitiva a partir do próximo ano

Demostración de vixilancia con drons na praia de Silgar Concello de Sanxenxo

A praia de Silgar foi escenario á primeira hora do venres dunha demostración dun novo sistema de vixilancia con drons para axudar aos servizos de socorrismo nos areais.

Trátase dunha proposta que, polo momento, permanecerá activa a modo de proba ata finais do mes de agosto neste areal, coa idea por parte do Concello de estudar a súa implantación definitiva nas praias para partir do próximo ano, se non nas 16 nas que existe servizo de socorrismo si empezando "por alguna de ellas", sinalou o alcalde, Telmo Martín.

"Creo que Sanxenxo tiene apostar por las nuevas tecologías en sus playas", sinalou o rexedor pensando en aumentar a seguridade de veciños e visitantes.

Este sistema permite ao dron achegar un salvavidas a un bañista en apertos en pouco tempo, reducindo o tempo de resposta ata que poida chegar ao lugar da emerxencia un socorrista titulado.

O sistema foi desenvolvido pola empresa Telocrea Drones, con sede en  Portonovo.