Dúas alumnas do IES Castro Alobre de Vilagarcía inician a guerra contra o bacharelato semipresencial

Pontevedra
25 de setembro 2020

María Rodríguez e Duna Oubiña convocan unha concentración este sábado na praza da Segunda República de Vilagarcía e inician unha recollida de firmas para facer rectificar á Xunta e que contraten os profesores necesarios para conseguir que o curso sexa presencian en todos os institutos de Galicia

María Rodríguez e Dunia Oubiña, alumnas de bacharelato do IES Castro Alobre de Vilagarcía que se mobilizan contra o curso semipresencial
María Rodríguez e Dunia Oubiña, alumnas de bacharelato do IES Castro Alobre de Vilagarcía que se mobilizan contra o curso semipresencial / PontevedraViva

María Rodríguez e Duna Oubiña son dúas alumnas de segundo de bacharelato do IES Castro Alobre de Vilagarcía, un dos 17 centros de Galicia que por falta de profesorado impartirán este curso transcendental para as aspiracións universitarias do alumnado nun réxime semipresencial. "Queremos que todo o mundo saiba que nos están a quitar educación de calidade", sosteñen as dúas estudantes que están a mobilizar a toda a comunidade educativa e á sociedade vilagarciá para presionar á Xunta e conseguir dar a volta a esta situación.

Non son as únicas que mostraron o seu malestar co sistema semipresencial para este curso marcado pola pandemia da Covid-19. Pais e alumnos do IES Sánchez Cantón xa se manifestaron esta semana por unha educación presencial e en igualdade de condicións para todo o alumnado galego. María e Dunia dan agora un paso máis e teñen convocada unha concentración na praza da Segunda República de Vilagarcía na que aproveitarán para iniciar unha campaña de recollida de firmas coa que pretenden conseguir a contratación do profesorado necesario para impartir as clases de forma presencial en todos os institutos de Galicia.

A noticia deste cambio colleunas por sorpresa. "Fómonos decatando por filtracións e pola prensa, ao principio pensabamos que ía ser así en toda Galicia. Pero logo vimos que só era para algúns institutos e estamos moi descontentas porque é unha inxustiza porque lles dan máis ferramentas a outros", denuncian as alumnas, que senten que este réxime prexudicaralles á hora de preparar ás ABAU.

Son conscientes do difícil que será facer rectificar á Administración, pero están convencidas de que "se hai repercusión, poderemos conseguilo. Queremos que reaccionenpor presión social", sosteñen.

Neste sentido, tamén tratan de comprender os motivos que levaron á Xunta a tomar esta determinación. "Sabemos que os recursos son limitados, xa o vimos cando empezou a pandemia, pero queremos que se lle dea amparo á Educación, ademais tamén servirá para sacar a profesores do paro. Se se pode gastar o diñeiro en obras, por que non van poder facelo no futuro do país?", expoñen estas inonformistas estudantes, que lembran que non están a esixir nada raro. "O que pedimos son os nosos dereitos", remarcan.