O próximo luns 23 de xuño, véspera de San Xoán, a tradición galega de recoller as herbas máxicas volverá cobrar vida en dúas parroquias pontevedresas, con sendas actividades organizadas pola Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e a asociación ecoloxista Vaipolorío.
Na parroquia de Cerponzóns, a AVV O Chedeiro, que celebra este ano o seu 45 aniversario, convoca a súa xa tradicional Andaina das Herbas de San Xoán.
A actividade partirá ás 19:00 horas desde o adro da igrexa de Tilve e percorrerá diversos lugares da parroquia como Chan do Monte, Parréi e A Bouza, nun roteiro circular que permitirá aos participantes recoller plantas medicinais como menta, fiúncho, chopo, codeso, manzanilla, herba luisa, carrasquiña, romeiro e ruda.
"A sabedoría popular non se aprende nun móbil, senón andando os camiños e escoitando cos ollos abertos", destacan desde a asociación veciñal, que fai un chamamento especial ás familias con nenos e nenas. Como novidade nesta edición, O Chedeiro organiza un concurso do "cacho máis fermoso", con categorías para o máis tradicional, o máis orixinal e o feito por nenos e nenas.
Paralelamente, a asociación ecoloxista Vaipolorío desenvolverá unha actividade similar na contorna do río Gafos, na parroquia de Tomeza. A cita será tamén o 23 de xuño, pero media hora máis tarde, ás 19:30 horas, coa Ponte da Condesa como punto de partida.
Durante o percorrido, os participantes non só recollerán as herbas de San Xoán, senón que recibirán explicacións sobre as tradicións e costumes asociadas a esta celebración. A actividade culminará coa elaboración colectiva do "cacho", o tradicional ramo de herbas que segundo a tradición debe recollerse na véspera de San Xoán.
Estas dúas iniciativas representan un esforzo por manter viva unha das tradicións máis arraigadas da cultura galega, vinculada ao solsticio de verán.
Segundo a crenza popular, as herbas recollidas nesta data teñen propiedades máxicas e medicinais especiais, e o ritual de lavar a cara coa auga na que se mergullaron representa unha purificación tanto física como espiritual.
