O Concello de Sanxenxo pechou o prazo de presentación de ofertas para executar a segunda e última etapa do proxecto de transformación do mercado con dúas empresas aspirantes: Castro Figueiro e Oreco Balgón.
A actuación conta cun orzamento de 5,4 millóns de euros, financiados con recursos municipais e achegas da Xunta de Galicia, e un prazo de execución previsto de 16 meses.
A intervención permitirá completar unha das principais actuacións urbanísticas impulsadas polo Concello nos últimos anos. O obxectivo é converter o mercado nun espazo multifuncional capaz de revitalizar a actividade comercial, atraer novos usos á contorna e estender o eixo comercial cara ao tramo da Rúa Madrid.
O proxecto tamén contempla a remodelación do espazo público que o rodea, cunha ampla praza fronte á fachada principal chamada a converterse nun novo punto de encontro cidadán.
Esta actuación busca transformar o aspecto da Rúa Madrid, entre Panadeira e Progreso, priorizando o tránsito peonil e mellorando a calidade urbana da zona.
As obras darán continuidade á primeira fase do proxecto, xa finalizada, na que se soterrou o tráfico mediante un paso inferior deseñado para integrar un futuro aparcadoiro público con capacidade para 32 vehículos e facilitar os accesos tanto ao mercado como ás plantas superiores do inmoble.
O novo edificio contará con cinco niveis destinados a diferentes servizos. No soto habilitaranse o aparcadoiro, zonas de almacenamento e as instalacións técnicas. A planta baixa e un altillo acollerán o mercado de abastos, mentres que a primeira planta estará reservada para dependencias municipais. Nas dúas plantas superiores instalaranse a biblioteca pública e unha sala de estudo, e o inmoble culminará cun espazo de restauración e unha terraza baixo cuberta.
O deseño corresponde á proposta "Os Luns ao Sol", do arquitecto catalán Tony Bosch, gañadora do concurso de ideas convocado para definir o novo mercado. O proxecto destaca polo seu tres grandes fachadas acristaladas, concibidas para achegar luminosidade e unha maior integración do edificio co espazo urbano.
O inmoble incorporará 116 paneis fotovoltaicos e un sistema de climatización mediante aerotermia, con equipos independentes para cada planta, co propósito de reducir o consumo enerxético e mellorar o confort interior.