Haberá cambios no proxecto de interese autonómico (PIA) que a Xunta quere desenvolver no ámbito de San Amaro, onde se impulsará a construción de máis de dúas mil vivendas, que na súa inmensa maioría serán de protección oficial.
O goberno galego aceptou a petición que realizara o Concello para excluír deste complexo residencial os terreos municipais de Conde Bugallal, dedicados actualmente ás hortas urbanas.
Pero a renuncia a esa parcela cualificada como zona verde non suporá reducir a superficie a desenvolver, senón todo o contrario.
A Xunta optou por renunciar a que a área do PIA chegue ata O Marco, deixando fóra do proxecto a zona coñecida no planeamento como B 2.2. e, a cambio, ampliará a promoción inmobiliaria cara á Avenida das Chans, anteriormente coñecida como Rolda Leste.
O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, indicou que este cambio no PIA podería mesmo incrementar a superficie inicial do plan, chegando ata as 20,4 hectáreas, o que tamén permitiría ampliar a súa edificabilidade ata unhas 2.100 vivendas.
Oubiña explicou que o goberno municipal tamén pediu á Xunta, ao longo das xuntanzas que mantiveron nas últimas semanas, que se definan no plan os viais interiores que deberá ter a futura urbanización, especialmente para a mobilidade entre a Avenida das Chans e Pintor Laxeiro.
"Hai interese por ambas partes porque é necesario construír vivenda protexida en Pontevedra", subliñou o concelleiro responsable da área municipal de urbanismo, que aclarou que esta promoción inmobiliaria non afectará ao futuro edificio de emerxencias da cidade.
A intención da Xunta é que as obras de todo este complexo poidan comezar en 2028.
Ao mesmo tempo, o concelleiro informou de que a Sareb -o coñecido como banco malo- está promovendo a recuperación dunha licenza de construción de dous edificios na rúa Conde Bugallal. Trátase dos inmobles da rúa Agro da Estrela dos que están edificados tres bloques.
Debido á quebra da construtora, quedaron pendentes de executar dous máis, o que suporía arredor de 50 vivendas.
O Concello xa requiriu o pago da fianza para recuperar a licenza de 2006, pero aínda non se coñece cales son as pretensións da sociedade, xa que existen tres escenarios posibles: que non constrúa, que constrúa coa licenza de 2006 ou que solicite a súa modificación.
No caso de iniciar a construción, o goberno municipal reclamará que estes novos bloques se incorporen á promoción de vivenda pública por parte do Estado en Pontevedra.