Dúas novas mortes con covid elevan a cinco os decesos coa infección na área sanitaria esta semana

Pontevedra
06 de xaneiro 2022

Este xoves 6, a Consellería de Sanidade informaba de cinco mortes entre o 4 e o 5 de xaneiro. Dúas deles corresponden a un home de 91 anos, no Hospital do Salnés, e outro de 90 anos, no Hospital Montecelo. Pero ademais falecía un home de 58 anos no Álvaro Cunqueiro de Vigo; e dúas mulleres de 66 e de 78 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. As vítimas en Galicia ascenden a 2.805 e na área de Pontevedra-O Salnés sitúase en 234 perdas

Unidade de Coidados Críticos Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

A Consellería de Sanidade comunicou este xoves 6 de xaneiro da morte de cinco persoas en Galicia diagnosticadas por coronavirus. Entre elas, atópanse dous pacientes pertencentes ao área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Trátase de dous varóns nonaxenarios. O primeiro falecía o 4 de xaneiro, á idade de 91 anos, no Hospital do Salnés. O segundo perdía a vida no Hospital de Montecelo, aos 90 anos. En ambos os casos, a Consellería confirma a existencia doutras enfermidades, previas, ademais da infección da  covid.

Con estas dúas mortas, a área sanitaria volve apañar un refacho continuado de falecementos sumando cinco mortes nunha semana. O total de mortes desde o inicio da pandemia sitúase en 234.

Ademais destes casos, o Sergas tamén informaba doutras tres morte en Galicia nesta xornada, unha vez que Saúde Pública confirmaba que eran positivos en covid-19. O martes 4 morría un home de 58 anos, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. E o mércores 5 dúas mulleres, de 66 e de 78 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. En todos os casos, contaban con outras patoloxías previas nos seus historiais clínicos.

Como é habitual, a Consellería de Sanidade non informa sobre se estes pacientes contan coas vacinas, ao entender que se trata de datos que corresponden coa intimidade das persoas.

Galicia alcanza os 2.805 falecidos desde o inicio da pandemia.