Dúas novas mortes na residencia de Ribadumia elevan a 50 as vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
23 de novembro 2020

Faleceron dúas mulleres de 88 e 94 anos que elevan a oito as persoas desta residencia falecidas pola enfermidade. Na segunda onda da pandemia xa se rexistraron máis do dobre de vítimas mortais que na primeira na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Así, na primeira onda houbo 16 falecementos e desde o verán xa suman 34 

Realización dun test PCR no Recinto Feiral Mónica Patxot

A pandemia da covid-19 xa se cobrou medio centenar de vítimas mortais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este luns o Servizo Galego de Saúde deu conta de dúas mortes na residencia Domus VI de Ribadumia, que elevan a oito o número de persoas desta residencia falecidas pola enfermidade e a 50 as rexistradas na área sanitaria. 

En concreto, trátase de dúas mulleres de 88 e 94 anos que se infectaron nesta residencia que desde hai semanas está intervida pola Xunta de Galicia e faleceron nas propias instalacións. 

Estas dúas mortes súmanse aos 48 pacientes falecidos na área sanitaria ata o de agora e deixan como balance que na segunda onda da pandemia xa se rexistraron máis do dobre de vítimas mortais que na primeira. Así, na primeira onda houbo 16 falecementos e desde o verán xa suman 34. 

O  Servizo Galego de Saúde reportou este luns 15 persoas falecidas en Galicia que foran diagnosticadas de coronavirus, todas elas con patoloxías previas. O dato correspóndese, segundo aclaran fontes sanitarias, cos falecidos este luns e durante a fin de semana. 

Ademais das dúas mulleres de Ribadumia faleceron unha muller de 53 anos e dous homes de 69 e 71 anos no CHUAC da Coruña; unha muller de 88 anos no a residencia Domus VI de Oleiros; unha muller de 97 que estaba ingresada no CHUAC e procedía da residencia  Ballesol de Oleiros; dúas mulleres de 78 e 91 anos no  CHUO de Ourense; e un home de 78 que procedía da residencia Nosa Señora dis Miragres de Barbadás e estaba ingresado no CHUO. 

En Vigo faleceron tres mulleres, unha de 95 no  CHUVI, outra de 91 na residencia  Ballesol e unha de 84 no Hospital  Vithas Fátima que procedía da residencia Doral de Mos; e no CHUS de Santiago os falecidos foron un home de 80 e unha muller de 88.