Dúas persoas feridas de gravidade ao chocar un camión cun coche que estaba avariado na AP-9

Pontevedra
22 de xaneiro 2016

O sinistro produciuse pouco despois das 20.00 horas pouco antes da saída da AP-9 en Curro. Un turismo Optel Astra sufriu unha avaría e detívose na beiravía. Abordo viaxaban tres persoas e a que ía de acompañante baixouse para poder colocar os conos de advertencia da emerxencia. Nese momento, un camión chocou contra o turismo detido e arroiouno. O condutor e a persoa que viaxaba no asento traseiro quedaron atrapados

Tarefas de excarceración dos ocupantes do turismo Diego Torrado

Dúas persoas resultaron feridas de gravidade na noite deste venres nun accidente de tráfico rexistrado na autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Curro, no Concello de Barro. Ambas circulaban a bordo dun turismo que foi arroiado por un camión e foi necesario o seu traslado a un centro hospitalario. 

O sinistro produciuse pouco despois das 20.00 horas pouco antes da saída da AP-9 en Curro. Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, un turismo Opel Astra sufriu unha avaría e detívose na beiravía. A bordo do vehículo viaxaban tres persoas e a que ía de acompañante baixou para poder colocar os conos de advertencia da emerxencia para sinalizar a situación do coche á vista do resto de condutores. 

Cando o acompañante estaba a realizar esa tarefa no exterior do vehículo, un camión de madeira que circulaba pola autoestrada chocou contra o turismo detido e arroiouno. Co impacto do golpe, o condutor e a persoa que viaxaba no asento traseiro quedaron atrapados no interior do coche, de tal forma que foi necesaria a intervención de efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra para a súa excarceración. 

Segundo os Bombeiros, un dos ocupantes puido ser extraído con facilidade, pero presentaba feridas graves e tivo que ser atendido por unha ambulancia no lugar. O outro estaba nunha situación máis complicada, resultou máis laborioso sacalo do coche e sufriu feridas de carácter máis grave. Tamén o atendeu o persoal médico de Urxencias Médicas de Galicia 061 no propio lugar do sinistro e desde alí ambos foron derivados a un centro hospitalario. 

Ao lugar do accidente desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Pontevedra, a Garda Civil de Tráfico e Urxencias Médicas de Galicia.