Dúas persoas trasladadas a Montecelo por inhalación de fume nun "aparatoso" incendio nun piso de Marín

Marín
30 de maio 2024

O suceso producíase ás 3.46 horas da madrugada deste xoves 30 de maio. O lume obrigou a desaloxar o edificio de catro pisos situado na avenida Jaime Janer  Os bombeiros do Morrazo finalizaron a extinción do lume ás 08.30 horas pero continúan na zona para evitar que se reactive debido ao numeroso material combustible que había na vivenda

Bombeiros do Morrazo Deputación de Pontevedra

Dúas persoas eran trasladadas durante a madrugada deste xoves ao Hospital Montecelo por inhalación de fume derivado dun incendio que obrigaba a desaloxar un edificio de catro pisos na avenida Jaime Janer de Marín.

Segundo datos facilitados polo servizo do 112 Galicia, un veciño alertaba da situación pasadas as 03.45 horas sinalando que o lume procedía do segundo andar dun edificio de catro pisos.

O fume propagárase por todas as instalacións e a persoa que contactaba co 112 indicaba que había xente no resto de vivendas. Outras persoas tamén manifestaron ao servizo de Emerxencias que acababan de escoitar explosións no domicilio afectado polo incendio.

Minutos máis tarde, a Policía Nacional confirmaba que todos os veciños residentes no inmoble foran desaloxados e os medios de extinción xa traballaban para controlar as lapas.

Os servizos sanitarios trasladaron tamén as dúas persoas afectadas polo fume ao Hospital Montecelo en estado leve.

Segundo indicaron os bombeiros, arderon por completo varias estancias nun dos pisos do edificio, afectando tamén ao teito.

Ás 08.30 horas, o servizo de bombeiros daba por extinguido o lume, pero aínda continúan os efectivos controlando os rescoldos para evitar que se reactive.

Desde os Bombeiros do Morrazo indican que o incendio foi moi "aparatoso" porque había moito material combustible, moito papel na vivenda.

O lume saía pola fachada, segudo os Bombeiros do Morrazo, que sinalaban que se reiniciaba de maneira permanente e tiveron que extinguilo desde dentro do piso.

Desde o 112 Galicia avisaron para o operativo a Urxencias sanitarias de Galicia-061, Bombeiros do Morrazo e do Salnés; ademais da Policía Nacional e Local.