Dúas mulleres recoñecidas como vítimas de violencia de xénero atoparon en Cruz Vermella Pontevedra unha nova oportunidade vital a través dun traballo.
As dúas foron contratadas como administrativas como resultado dunha achega de 48.000 euros concedida pola Xunta de Galicia con cargo ás subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero.
María Durán, coordinadora provincial de Cruz Vermella, explicou que a entidade destina os fondos á contratación de mulleres que fan tarefas administrativas porque é o que máis precisaban neste momento.
Destaca que son "persoas que están pasando unha dificultade" e, con este tipo de axudas, contrátanas axudando "a que poidan saír adiante cun emprego digno". Un emprego que, ademais, está "remunerado e acorde tamén coa súa titulación".
Estarán contratadas durante un ano, no que farán "un pouco todo", axudando na xestión da institución, con trámites, xestión de documentacións, subvencións e apoio no que se precise.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este mércores a sede da Cruz Vermella en Pontevedra para coñecer o resultado desta axuda e tamén as diferentes liñas de actuación que leva a cabo a entidade na provincia, en especial as relacionadas coa aposta pola igualdade.
Reguera puido coñecer, por exemplo, un obradoiro de memoria con persoas maiores que se realiza en colaboración coa Xunta e destacou que "tivemos a oportunidade de conversar" e comprobar que "están encantados" nestas actividades que contribúen a "revitalizalos, para que socialicen".
O delegado territorial quixo "agradecer toda a labor que están a facer desde a Cruz Vermella" e "todo o traballo que fan por a nosa sociedade", destacando, en especial, o traballo do voluntariado, "xente que traballa sen nada a cambio" e que "non ten que pasar desapercibido desde as institucións", que "temos que estar ao seu carón".
María Durán destacou tamén outros programas que realizan en colaboración coa Xunta de Galicia, en especial como resultado dos programas de axuda vinculados ao IRPF, que "son unha fonte moi importante de financiamento para nós todos os anos" e chegan das persoas que marcan "causas sociais" na súa declaración da renda.
Na provincia de Pontevedra Cruz Vermella recibe máis de 400.000 euros da Xunta repartidos en proxectos que van desde a atención á infancia, mulleres, persoas sen hogar, maiores ou familias acolledoras.