Duascentas cerdeiras plantadas por escolares florecen o Camiño ao seu paso por Poio

Poio
22 de xaneiro 2020

Preto dun cento de rapaces dos CEIP Espedregada (Raxó), Viñas (San Salvador) e Isidora Riestra (San Xoán) plantaron estas árbores nunha leira no inicio da Ruta dos Miradoiros, unha iniciativa da comunidade de montes Rega dos Agros de Combarro apoiada polo Concello de Poio

Plantación de cerdeiras dentro do proxecto 'Florece o Camiño' Concello de Poio

Ao redor dun centenar de escolares dos centros Isidora Riestra de San Xoán de Poio; Espedregada, de Raxo e Viñas da parroquia de San Salvador participaban este mércores 22 do proxecto 'Florece o Camiño' coa plantación de 200 cerdeiras nunha parcela situada nas inmediacións do inicio do Roteiro dos Miradoiros.

Esta proposta parte da comunidade de montes Rega dos Agros de Combarro e conta coa colaboración das concellerías de Educación e Medio Ambiente do Concello de Poio. 

A parcela onde se realizaron as plantacións se atopa na etapa inicial da denominada Variante Espiritual do Camiño, entre Pontevedra e o Mosteiro da Armenteira en Meis. 

Tanto o presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués Tino Lores como o alcalde de Poio Luciano Sobral axudaron na plantación aos escolares en colaboración con integrantes de Rega dos Agros e operarios municipais.

Con esta plantación quere poñerse en valor toda esta contorna coa idea de continuar atraendo máis peregrinación por este roteiro do Camiño a Santiago e tamén se busca a implicación dos menores coa protección ambiental. Este xoves participarán estudantes dos colexios de Lourido e Chancelas coa plantación de máis cerexeiras.