Os edificios do novo polígono residencial de San Amaro estarán "inseridos nun gran parque"

Pontevedra
24 de marzo 2026

Os inmobles que se constrúan na zona terán dúas tipoloxías: vivenda colectiva en bloque aberto e vivenda unifamiliar. Haberá zonas verdes, diversos equipamentos e 570 prazas públicas de aparcamento

Proxecto para o polígono residencial de San Amaro
Proxecto para o polígono residencial de San Amaro / Xunta de Galicia

2028. É o ano no que, segundo as previsións da Xunta de Galicia, comezarán as obras de urbanización do novo polígono residencial de San Amaro.

Esta iniciativa, que está a ser desenvolvida a través dun proxecto de interese autonómico (PIA), foi xa aprobada inicialmente polo goberno galego.

O ámbito do PIA abrangue aproximadamente 21,45 hectáreas, cuxo eixe central é o regato da Ponte do Couto, afluente do río Gafos e limita co desenvolvemento existente da cidade de Pontevedra ao norte da estación de tren.

A proposta de ordenación prevé un número estimado de 2.010 vivendas, das que 1.643 serán protexidas e 367 libres.

Os inmobles que se constrúan na zona serán de dúas tipoloxías: vivenda colectiva en bloque aberto e vivenda unifamiliar.

A proposta conforma un gran parque fluvial continuo en todo o espazo fluvial do regato da Ponte do Couto, que mantén as súas características naturais actuais.

Terá moita permeabilidade coas edificacións propostas, de xeito que poidan parecer "edificios inseridos nun gran parque", detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Ademais, incorpóranse áreas verdes complementarias distribuídas estratexicamente e moi ligadas ao gran parque fluvial.

Así mesmo, prevese a plantación ou conservación de 2.300 árbores, apostando pola conservación do arboredo ornamental e de ribeira existentes no interior do ámbito integrándoos dentro da súa principal e máis extensa zona verde.

Os equipamentos públicos de sistema xeral concéntranse nun grande espazo situado no cuadrante noroeste do ámbito, que delimita o sector nesa zona, unha das máis vencelladas á cidade consolidada existente e que conta con moi boas condicións de accesibilidade.

Os locais do sector sitúanse ao longo do percorrido do gran parque fluvial, tecendo así un conxunto dotacional lineal de espazos deportivos, socioculturais e mesmo educativos ou asistenciais no nivel de barrio, que teñan como fío condutor o parque fluvial. 

O PIA prevé, por último, 570 prazas públicas de aparcamento e 2.278 privadas.