Eduardo Ruadas será o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Barro

Barro
01 de febreiro 2023

O candidato sinala que "temos proxecto, temos equipo e temos moitísima ilusión, e traballaremos de xeito incansable para recuperar a confianza dos veciños no PP"

Xestora local do PP de Barro
Xestora local do PP de Barro /

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, confirma que Eduardo Ruadas liderará a candidatura do PP á Alcaldía de Barro nas eleccións municipais do 28 de maio.

Durante un encontro este mércores con membros da xestora local e veciños, agradeceu ao candidato "a súa valentía para poñerse en disposición de traballar polos seus veciños e liderar un proxecto serio, estable, renovado e de futuro para este concello". Nesta liña, aseurou que "o PP liderado por Ruadas é a única alternativa para reconducir Barro".

Pola súa banda, Eduardo Ruadas, autónomo de 65 anos e presidente da xestora local desde maio, asumiu o reto agradecendo a confianza da dirección provincial do partido e dos militantes. "Temos proxecto, temos equipo e temos moitísima ilusión, e traballaremos de xeito incansable para recuperar a confianza dos veciños no Partido Popular", sinalou.

Neste senso, dixo que "Barro merece moito máis, e por iso o Partido Popular presentará un proxecto renovado, con ideas novas e pegado á realidade e necesidade dos nosos veciños".

Ademais, o candidato pide colaboración a todas aquelas persoas "que aspiran a ter un mellor concello, con máis oportunidades e con mellores servizos. As portas do Partido Popular de Barro están abertas permanentemente a todos os que queiran unirse a este proxecto e botar unha man. Aspiramos a buscar o ben común para todos os veciños do noso concello".