Educación investirá 140.000 euros en melloras nos colexios públicos de Carballedo e Tenorio

Cerdedo Cotobade
08 de xuño 2016

Un total de 141.740 euros investirá a Consellería de Educación nos colexios públicos de Cotobade ao longo do presente ano no marco do plan de dotacións pertencente ao Fondo de Superávit de Responsabilidade da Xunta de Galicia. O Concello de Cotobade xa recibiu a correspondente notificación das catro actuacións que se van a levar a cabo nos CEIP de Carballedo e Tenorio

Casa consistorial de Cerdedo-Cotobade Mónica Patxot

Un total de 141.740 euros investirá a Consellería de Educación nos colexios públicos de Cotobade ao longo do presente ano no marco do plan de dotacións pertencente ao Fondo de Superávit de Responsabilidade da Xunta de Galicia.

O Concello de Cotobade xa recibiu a correspondente notificación das catro actuacións que se van a levar a cabo nos CEIP de Carballedo e Tenorio.

Deste xeito, o CEIP da capital recibirá un investimento de preto de 40.000 euros que se destinará a diversas actuacións de fontanería orientadas á dotación dun novo depósito e dun moderno servizo de saneamento e tamén á mellora integral do ximnasio. A reforma desta instalación deportiva levará a principal contía desta partida, con 30.000 euros.

Pola súa banda, o colexio público de Tenorio beneficiarase de sendas actuacións por importe de 102.000 euros, xa que está previsto que se executen, ao longo deste ano, a mellora completa dos baños con obras de fontanería e renovación dos aseos e a construción dun novo muro de peche do patio do recinto. Ambas actuacións roldan os 50.000 euros de orzamento cada unha.

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente "o forte investimento e a sensibilidade" cos centros públicos do municipio amosada pola Consellería de Educación e ademais destacou a celeridade coa que se levarán a cabo estas melloras, xa que se realizarán ao longo deste ano co obxectivo de deixar os colexios "en inmellorables condicións, aínda que cos nosos cativos e coa educación sempre hai que estar investindo, xa que son o futuro".

O rexedor destacou que as actuacións que se van a levar a cabo nos CEIP de Cotobade "responden ás necesidades máis importantes" que teñen eses centros e concordan cos aspectos a mellorar detectados polo goberno local e tamén polas respectivas comunidades educativas.

Finalmente, Cubela louvou a xestión realizada pola Xunta para poder dispoñer destes fondos e tamén pola súa actitude ao destinalos aos servizos públicos máis importantes.