Educar sen berros nin castigos: pais e avós aprenden a coidar desde a disciplina positiva

Pontevedra
03 de novembro 2025
Actualizado: 13:33

O Concello pon en marcha unha nova edición dos talleres "Crecendo con Calma", centrados na Disciplina Positiva para mellorar a convivencia familiar e fortalecer os lazos afectivos

Un avó axuda o seu neto a tirar un envase ao colector amarelo Ecoembes

A Concellaría de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, volve apostar pola Disciplina Positiva cunha nova edición de talleres destinados a mellorar a convivencia familiar e fortalecer os lazos afectivos entre xeracións.

A proposta, baixo o título "Crecendo con Calma", busca ofrecer a nais, pais, educadores e persoas coidadoras ferramentas prácticas para entender o comportamento infantil, reconducir condutas e fomentar unha comunicación respectuosa e empática.

"As anteriores edicións foron un éxito", destacou Gulías, quen subliñou que estes espazos son "unha oportunidade para aprender a educar desde o amor, a firmeza e a comprensión".

Os talleres, organizados e impartidos pola asociación Semilla y Raíz DP, celebraranse no Pazo da Cultura os sábados 8 e 15 de novembro, de 9:30 a 13:30 horas. Durante as sesións, traballaranse temas como o apego seguro, o xogo como ferramenta de aprendizaxe, a autoestima na crianza ou a xestión de límites.

Como novidade, este ano incorpóranse dous encontros especialmente pensados para avós e avoas, titulados "Coidar e acompañar desde o corazón", que terán lugar os luns 10 e 17 de novembro, de 10:00 a 13:00 horas.

Neles abordarase como acompañar aos netos desde a confianza, comunicarse entre xeracións e gozar dunha crianza compartida sen tensións.

As actividades son gratuítas, con prazas limitadas a 25 persoas, polo que é necesario inscribirse a través do correo electrónico semillayraizdp@gmail.com.

Segundo explicou Berta Romero, membro de Semilla y Raíz DP, "no se trata de decirle a nadie cómo educar, sino de crear un espacio de reflexión donde la conexión esté por encima del control". 

Nos talleres priorízase a aprendizaxe vivencial, mediante dinámicas de grupo e xogos de rol que permiten porse na pel dos nenos e nenas.

Inspirado no enfoque desenvolvido nos anos 80 pola psicóloga Jane Nelsen, o modelo de Disciplina Positiva parte dunha premisa sinxela pero poderosa que é que os nenos se comportan mellor cando senten ben. Castigos, berros ou humillacións xeran desconexión, mentres que a empatía e o respecto fortalecen o vínculo e fomentan a responsabilidade.

"Queremos empoderar a las familias —engade Romero— para que descubran que educar desde la calma y la firmeza es posible". E, no caso dos avós, que coidar aos netos sexa unha fonte de alegría e non de tensión.

A filosofía da Disciplina Positiva propón mirar os erros como oportunidades de aprendizaxe, ensinar aos pequenos a xestionar a frustración, e substituír os castigos por consecuencias lóxicas e respectuosas. Porque educar "empeza polos adultos" e os nenos aprenden máis do que ven que do que escoitan.

Con esta iniciativa apóstase por unha educación emocionalmente consciente, baseada na empatía, a comunicación e o respecto mutuo como alicerces dunha convivencia máis saudable e feliz.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora