'El Pastelero' ingresa en prisión por branqueo de capitais

O Salnés
12 de decembro 2014

ÿscar Manuel Rial Iglesias foi detido pola Policía Nacional o mércores e, tras pasar a disposición xudicial este venres, a xuíz ordenou o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza. O Xulgado Mixto número 3 de Vilagarcía ordenou o ingreso en prisión doutro dos detidos, J.R.G.C. O resto quedaron en liberdade imputados 

Xulgados de Vilagarcía

ÿscar Manuel Rial Iglesias, coñecido como 'El Pastelero', foi enviado a prisión preventiva. O suposto narcotraficante aurousano -ata agora saíu absolvido das acusacións que se formulan contra el dende hai anos- foi detido pola Policía Nacional no marco dunha operación contra o branqueo de capitais e, tras pasar a disposición xudicial, a xuíz ordenou o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Xulgado Mixto número 3 de Vilagarcía tomou declaración a cinco persoas imputadas por un presunto delito de branqueo de capitais, catro delas detidas en Galicia e unha quinta en Madrid.

Tras tomarlles declaración ao longo da mañá, a última hora ditou os autos xudiciais relativos á súa situación. Ordenou o ingreso en prisión de 'El Pastelero', presunto líder da organización, e doutro dos detidos, J.R.G.C. O resto quedaron en liberdade imputados por un presunto delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.

A Brigada de Branqueo da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF) da Policía Nacional detivo o mércores esas cinco persoas nunha operación que incluíu rexistros en vivendas da avenida Rodrigo de Mendoza, O Rial e Cornazo, en Vilagarcía. Na capital arousana, onde reside 'El Pastelero', producíronse catro das detencións.

A última detención de 'El Pastelero' remóntase ao ano 2011, cando axentes do Grupo de Resposta Especial ao Crime Organizado (GRECO) de Galicia lle detiveron "pola súa implicación directa en varios transportes de substancias estupefacientes" que se terían desenvolvido entre os anos 2006 e 2007, pero nos que aínda non se relacionara. Naquel momento, tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade con cargos, pero a Policía xa o definiu como un dos novos líderes do narcotráfico en Galicia.

ÿscar Rial, de 41 anos e alcumado 'El Pastelero' en referencia á súa profesión legal, foi detido por primeira vez no ano 2008 en relación co transporte de 3,6 toneladas de cocaína no pesqueiro San Miguel como suposto lider dunha rede que movía anualmente 10 toneladas de cocaína dende Colombia e haxix dende Marrocos e que lavaba o diñeiro procedente desta actividade ilícita. Foi xulgado en 2013 na Audiencia Nacional e absolvido.