O conselleiro delegado de CUF-Quimigal, Antonio Mesquita, compareceu este mércores en rolda de prensa para falar da "reconversión" da empresa Electroquímica do Noroeste S.L. asegurando que "queremos manter a actividade produtiva e comercial en Pontevedra".
Tres son os pasos que a multinacional portuguesa dará con este propósito, a presentación no Concello de Pontevedra dun borrador do plan especial de reforma interior (PERI) da fábrica para regularizar por completo a súa situación en Lourizán, a renovación "no último trimestre do ano" da Autorización Ambiental Integrada e tamén a solicitude de prórroga da concesión dos terreos.
O PERI é un trámite imprescindible para que a fábrica poida acometer o cambio á tecnoloxía de membrana, como esixe a normativa europea, abandonando o uso do mercurio na súa produción. Este cambio ten un custo estimado de "entre 35 e 40 millóns de euros" e un prazo estimado de dous anos.
O problema é que a documentación presentada por Elnosa "non se axusta ás determinacións do Plan Xeral", segundo informou a concelleira de Urbanismo, Carmen da Silva xa que a cloreira está excluída do amparo supramunicipal da Xunta, como si ocorre con Ence. Segundo o informe municipal o PERI que presentou a fábrica non figura no Plan Xeral de Ordenación Municipal que contempla un ámbito único para Ence, Elnosa, a depuradora e Mollabao.
"Urbanisticamente a situación actual imposibilita a súa permanencia", dixo Da Silva. A empresa ten un prazo de 10 días para emendar as deficiencias deste PERI.
Os directivos de CUF estudarán a resposta do Concello para continuar con este proceso xa que descartaron completamente o traslado da electroquímica a outra localización. Segundo Antonio Mesquita a "explicación é sinxela" o investimento necesario para construír unha nova fábrica "duplica o custo" da reconversión da actual. É dicir, sairía "entre 70 e 80 millóns de euros" o que é "inviable economicamente", segundo afirmou o conselleiro delegado de CUF-Quimigal.
"Fixemos o traballo, pero os números non pintan, non saen", declarou Antonio Mesquita.
Respecto da concesión dunha prórroga da concesión por parte do Goberno de España, o conselleiro delegado da multinacional lusa considera que "a prórroga de Ence facilítanos esta decisión" xa que entende que "non hai razóns para que eles consigan a prórroga da concesión e nós non". Esta tramitación está pendente de que Tribunal Supremo tome unha decisión sobre a caducidade do expediente da concesión.
Neste sentido Antonio Mesquita sinalou a "dispoñibilidade" da Xunta de Galicia "para oírnos e falar connosco" unha interlocución que non atopan no Concello de Pontevedra aínda que indicou que "non desistimos de tentar falar co alcalde, estamos a tentalo".
Mentres tanto anuncian unha serie de accións para abrir a cloreira á sociedade como a próxima firma dun convenio coa Fundación Rías do Sur.
RESPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL DE PONTEVEDRA
A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carmen da Silva, asegurou en rolda de prensa que no goberno local "imos seguir traballando en todos os ámbitos" para que "Ence e Elnosa desaparezan da súa actual localización" en Lourizán.
Da Silva lembrou que Elnosa produce cloro e eslamiada cáustica "nunha contorna urbana" enmarcada na ría de Pontevedra e isto "non entra dentro dos parámetros que se esixen de localización industrial e nada que se lle pareza" e engadiu que os veciños "non teñen que seguir soportando o castigo de ver como a ría permanece degradada".
Finalmente, lembrou que Elnosa esgotou as moratorias que lle deron para adaptar a súa tecnoloxía "e agora toda a comarca temos que aguantar que como non lle dan os números ten que permanecer aí".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.