Un exemplo de afouteza fronte á adversidade. Así describen desde o sindicato UGT a figura de Elvira Fontán Ruibal, a veciña da parroquia pontevedresa de Santa María de Xeve que recibirá este ano o seu Premio 8 de Marzo.
A homenaxeada, traballadora do sector da limpeza, asegura estar nun carrusel de emocións.
Di estar "sorprendida, moi contenta e agradecida" polo premio que lle concede o sindicato e que, segundo destaca, "recibo eu pero que podería ser para calquera das moitas mulleres que loitan, día a día, de forma silenciosa e anónima para que o mundo sexa mellor".
A súa non foi unha vida doada. Empezou a traballar aos 28 anos, cando quedou viúva e con dous fillos: un neno de 3 anos e unha nena de 16 meses. Ademais seis meses máis tarde fíxose cargo da súa irmá pequena, que non chegaba aos 9 anos, ao quedar orfa de nai e co pai na emigración.
"O meu mundo derrubouse dun día para outro e tiña que sacar adiante á familia, non sei de onde saquei folgos", recorda Elvira, que traballaba como empregada de fogar en dúas casas, coidaba aos animais e a súa casa e criaba aos seus fillos e a súa irmá, "que era como unha filla máis".
Xubilouse en maio de 2022 tras unha traxectoria laboral de 38 anos, trece como empregada do fogar e 25 como traballadora da limpeza da Xunta de Galicia asignada ao longo do tempo, entre outros centros, na residencia de maiores de Campolongo e no IES Sánchez Cantón.
Foi o seu percorrido persoal e laboral o que lle fixo tomar conciencia da importancia dos coidados, do papel fundamental -e moi pouco recoñecido- das traballadoras de servizos básicos e da necesidade de facer fronte aos abusos, inxustizas e desigualdade.
"Penso que as mulleres debemos estar unidas para conseguir que toda a sociedade vexa e asuma que somos iguais aos homes", reflexiona a nova Premio 8M de UGT.
Así, aos seus 69 anos advirte que "non podemos volver a aqueles tempos nos que as mulleres tiñamos que pedir permiso aos homes para facer a nosa vida, para vivir o día a día", de aí que sosteña que as mulleres "debemos loitar si ou si".
O acto de entrega do premio terá lugar na sede de UGT no edificio sindical de Pontevedra o venres 7 de marzo, ás 11:00 horas.
Xunto a ela estarán compañeiras e compañeiros de traballo e do sindicato ao que se afiliou no inicio da súa vida laboral e no que sempre atopou apoio, axuda e sororidade.