Emerxencias envía unha mensaxe ES-Alert aos móbiles da poboación en 16 municipios

Pontevedra
25 de xaneiro 2026
Actualizado: 26 de xaneiro

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior remitiu unha mensaxe de aviso aos teléfonos móbiles. Debido á proximidade xeográfica, a alerta tamén puido recibirse en localidades limítrofes

Dous peregrinos baixo a choiva

A Xunta de Galicia activou este luns o sistema de alertas de Protección Civil ES-Alert en varios municipios do interior da provincia de Pontevedra ante o risco de inundacións e outras incidencias asociadas ás choivas intensas previstas para a xornada.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior remitiu unha mensaxe de aviso aos teléfonos móbiles situados nos municipios de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Debido á proximidade xeográfica, a alerta tamén puido recibirse en localidades limítrofes, como a parroquia de Xeve, no municipio de Pontevedra.

O aviso solicita á poboación evitar desprazamentos innecesarios, manterse afastada de ríos, torrentes e zonas inundables e extremar a precaución tanto na vía pública como na estrada.

Así mesmo, en caso de inundación, recoméndase buscar refuxio nas zonas máis altas das vivendas e seguir en todo momento as indicacións dos servizos de emerxencia.

A Xunta lembra que a activación do sistema ES-Alert ten carácter preventivo e pide á cidadanía manter a calma e ler con atención o contido da mensaxe recibida.

Esta medida súmase á decisión adoptada este domingo pola Comisión Escolar de Alertas, que acordou suspender as clases nos centros educativos e escolas infantís dos mesmos 16 municipios.

A suspensión responde as previsións da Axencia Estatal de Meteorología (Aemet), que estima unha precipitación acumulada de até 120 milímetros en 12 horas.