Emigrantes retornados acusan ás parlamentarias 'populares' do Salnés de "cómplices e verdugos do roubo" dos seus aforros

O Salnés
29 de outubro 2014

O colectivo anuncia que todas as plataformas comarcais concentraranse o vindeiro martes 4 de novembro, ás 11:00 horas diante das delegacións comarcais de Facenda

Concentración de emigrantes retornados ante a Axencia Tributaria PontevedraViva

O colectivo de emigrantes retornados do Salnés volveu "decepcionado e indignado" coa actitude do Partido Popular que negou cos seus votos a iniciativa do BNG de modificar a lei 35/2006 do IRPF para evitar a discriminación existente entre pensionistas que perciben unha ou varias pagas como sucede coa totalidade dos emigrantes retornados.

Os emigrantes retornados acusan ás deputadas do Salnés do PP, Marta Rodríguez Arias e Rosa Oubiña Solla "cómplices e verdugos do roubo" de "traizón e complicidade necesaria con quen nos rouba", o seu partido afirman "votou a favor nos concellos da comarca das nosas demandas pero chegan o parlamento e prefiren conservar as súas cómodas cadeiras a mollarse polos seus veciños e veciñas".

O voceiro deste colectivo, Xose Lois Leiros, lembrou que a iniciativa debatida o martes no Parlamento Galego presentada polo BNG, "é o principal obxectivo dos emigrantes retornados, era por tanto nosa e non só do BNG, polo que o PP hoxe volveu darnos as costas e nós deberemos facer o mesmo cando se presente a ocasión nas próximas eleccións".

O colectivo anuncia que todas as plataformas comarcais concentraranse o vindeiro martes 4 de novembro, ás 11:00 horas diante das delegacións comarcais de Facenda.