Empezan os traballos post temporal nos tres cedros das Palmeiras para evitar futuros desprendementos

Pontevedra
09 de febreiro 2017

Durante un tempo que aínda non se concretou, a zona permanecerá valada para garantir a seguridade no parque. O obxectivo é tratar de conservar todas as árbores que se poidan, pero a valoración final aínda está por pechar

Tarefas de limpeza, mantemento e seguranza na contorna dos tres cedros das Palmeiras PontevedraViva

O Concello de Pontevedra, en coordinación coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, está a realizar xa os primeiros traballos nos tres cedros do parque das Palmeiras que se viron seriamente danados nos últimos temporais, dous deles con dificultades para a súa recuperación. 

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o departamento municipal de Parques e Xardíns está a realizar tarefas de limpeza, mantemento e seguridade na contorna destas árbores do século XIX recollidas no Catálogo de Árbores Xenlleiras de Galicia para evitar futuros desprendementos de ponlas. 

As primeiras tarefas a realizar xa foron enfocadas a podar algunhas partes de ramas para evitar que caeran sobre o parque e agora a prioridade de Parques e Xardíns é deixar o ámbito seguro e valado para evitar futuros problemas, especialmente tendo en conta de que están anunciadas novas chuvias fortes nos vindeiros días. Durante un tempo que aínda non se concretou, a zona permanecerá valada para garantir a seguridade.

O obxectivo é tratar de conservar todas as árbores que se poidan, pero a valoración final aínda está por pechar. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora