A empresa Prace, Servizos e Obras S.A é a adxudicataria da a obra de "renovación e mellora das instalacións interiores da lonxa; nova cuberta na zona de vendas", no Porto de Marín.
Esta actuación executarase con cofinanciación europea a través dos fondos FEMPA (Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura).
Segundo informa a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, a actuación consiste na adecuación da cuberta existente na zona de vendas do edificio da lonxa construíndo unha sobrecuberta metálica sobre a estrutura de formigón.
O obxectivo é que esta nova estrutura proporcione estanqueidade fronte a filtracións de auga, protexa a actual estrutura de formigón existente, albergue os equipos de climatización e aumente a eficiencia térmica nas dependencias.
O prazo de execución é de dez meses e o orzamento base de licitación ascende a 786.237 euros.
Para a Autoridade Portuaria, como recolle o seu Plan de Investimentos, son "prioritarias" as actuacións nas instalacións que prestan servizo ao sector pesqueiro.
Esta obra é continuidade da renovación das bases articuladas dos alicerces da lonxa que se executou durante 2024 e que tamén contou con fondos FEMPA.