Empresas das provincia solicitaron á CEP ata medio millón de máscaras de protección

Pontevedra
23 de abril 2020

A Confederación de Empresarios de Pontevedra está a colaborar coa Xunta na distribución deste material de protección entre empresas, asociadas ou non, da provincia

Lotes das máscaras que a CEP está a distribuír entre empresas da provincia CEP

Ata 188.000 máscaras entregou a Confederación de Empresarios de Pontevedra entre empresas situadas por toda a provincia e desde a pasada semana. A entidade, colabora coa Xunta na dotación de equipos de protección individual para aquelas empresas que están operativas durante o presente estado de alarma.

A demanda, con todo, segue sendo superior, xa que neste período a CEP recibiu a solicitude de medio millón de máscaras para atender a máis de 50 autónomos, e case unha vintena de empresas sectoriais ou territoriais de toda a provincia de Pontevedra.

A Confederación está a facer de intermediaria entre empresas e autónomos, sexan ou non asociados, coa central de compras da Xunta de Galicia. Aínda que a intención inicial era priorizar e dar facilidades na adquisición de máscaras ás pequenas e medianas empresas dos sectores que están a ser esenciais nesta pandemia, a acción está a chegar tamén a empresas de maior tamaño con varias quendas diarias de traballadores.