En marcha a campaña de seguridade viaria dirixida ao colectivo motorista

Poio
13 de xullo 2024

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou este sábado a concentración moteira 'A Rosa dos Ventos' de Poio, onde lanzou a nova campaña de seguridade dirixida a motoristas para tratar de frear o incremento da siniestralidade que se está a producir entre este colectivo

 

Concentración moteira de Poio Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou a concentración moteira 'A Rosa dos Ventos' de Poio, onde lanzou a nova campaña de seguridade dirixida a motoristas para tratar de frear o incremento da siniestralidade que se está a producir entre este colectivo.

"Aproveitamos esta concentración moteira, unha das máis numerosas da provincia (pasarán case 2.000 moteiros e moteiras da provincia), para lanzar unha mensaxe de alerta polos datos de siniestralidade; unhas cifras ante as que non podemos permanecer impasibles", indicou Losada, quen volveu lembrar que 9 das 17 persoas falecidas nas estradas da provincia no que vai de ano conducían un ciclomotor ou motocicleta.

Acompañado da xefa provincial da DGT, Paula Yubero, e de membros do Subsector de Tráfico, o subdelegado repartiu entre os motoristas asistentes un folleto co decálogo de prevención da siniestralidade vial na condución de motocicletas e un tríptico informativo dirixido especificamente a motoristas elaborado pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Este mesmo material será repartido durante todo o verán polos axentes da Garda Civil de Tráfico en tódalas actuacións e controis que poñan en marcha.

Losada explicou tamén que o parque de motocicletas da provincia viuse incrementado nas últimas dúas décadas nun 171%, pasando de 31.712 motocicletas no 2005 ás 86.000 rexistradas na actualidade, "polo que non é que haxa máis motos, senón que hai moitísimas máis e esta tendencia continúa", aumentando así o número de motoristas falecidos e o número de motos involucradas en accidentes.

Por este motivo, a DXT elaborou para esta campaña dous formatos de material informativo.

O primeiro, un tríptico que baixo o lema 'Querémosche de volta, querémosche seguro'  explica a este colectivo as imprudencias e infraccións máis comúns, as consecuencias dun equipamento erróneo, e ofrece unha serie de recomendacións para unha condución segura.

Tamén se está a repartir un decálogo de prevención da siniestralidade vial na condución de motocicletas, no que se insiste nos elementos de seguridade, no equipamento, nos factores de prevención, como a distancia e as marxes de seguridade, e na responsabilidade e cumprimento das normas.