En marcha a restauración da fonte dos Catro Canos en Tivo

Umia
18 de maio 2021

O proxecto forma parte do programa municipal 'Fontes do Camiño' e levarase a cabo co apoio da Deputación de Pontevedra que concedeu para esta obra unha subvención de 6.202 euros

Boca da fonte de Tivo Concello de Caldas de Reis

Comezaron as obras para rehabilitar a fonte dos Catro Canos de Tivo, datada en 1880 e situada no  Camiño Portugués a Santiago, na parroquia de Santa María de Caldas de Reis. Estes traballos contan cun investimento de 15.236 euros, dos que 6.202 proceden da Deputación de Pontevedra. 

A reforma intégrase no programa municipal 'Fontes do Camiño' e é executada pola empresa Forxa Chago, que traballou na restauración das pezas metálicas da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago. A dirección da obra corresponde ao arquitecto Luís Gil Pita.

Está prevista a restauración de elementos de granito que compoñen o vaso e o tanque orixinais, tamén se recompoñerán os  encintados e limparase toda a fonte. Tamén se repoñerá a natureza orixinal dos diferentes elementos da composición a través de tratamento tradicional de aceites e grafito, renovando a súa instalación de fontanería e mellorando a  estanqueidad da fonte para que funcione de maneira correcta.

A intención é reforzar a imaxe do  Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, segundo explicaba o concelleiro de Obras, Manuel González. A fonte de Tivo é un elemento  decimonónico cun claro carácter hixienista. Trátase dunha obra de finais do século XIX que avanza na modernidade das  infaestructuras básicas, introducindo no territorio elementos que serven para abastecemento de auga que se formalizan con máquinas pretecnolóxicas de pequeno tamaño. A fonte ofrece bocas que presentan unha imaxe zoomorfa con escamas que imitan aos peixes.

Esta fonte é a quinta na que se traballa desde o programa do  Concello despois de restaurar a Fonte da Burga, a da Praza de Abastos, a do Campo da Torre e a Fonte das Palmeiras. Proximamente, o goberno local quere reformar as fontes centenarias de Pazo, na parroquia de Santa María, e de Faramentáns en San Clemente.