En marzo abrirá o novo centro de estancia de Campo Lameiro cunha unidade de vida activa

Umia
17 de febreiro 2023

A Xunta investíu 130.000 euros nun edificio de case 400 metros cuadrados que ten sala de usos múltiples, ximnasio e salas de tratamento e rehabilitación. Este venres, Luis López, delegado territorial da Xunta; Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e o alcalde Carlos Costa visitaban as instalacións

Luis López, delegado territorial da Xunta, no novo centro de estancia de Campo Lameiro Xunta de Galicia

Luis López, delegado territorial da Xunta; Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, visitaba este venres o novo centro de estancia, que comezará a ter actividade no mes de marzo cunha unidade de vida activa para persoas de idade avanzada.

A Xunta de Galicia investiu 130.000 euros neste edificio, con case 400 metros cadrados, no que se atopa unha sala de usos múltiples, ximnasio e salas de tratamento e rehabilitación para acoller diferentes talleres de memoria, exercicio e novas tecnoloxías.

O goberno galego atende a 118 persoas maiores e dependentes no municipio a través do bono de libranzas; o servizo de axuda no fogar; a teleasistencia e o programa Coidados Porta a Porta.

No último caso, o servizo itinerante atendeu a 59 residentes con citas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria. Entre os días 10 e 13 de abril volverá ofrecer os seus servizos nunha segunda quenda.

Os representantes políticos tamén se achegaron ata a escola infantil A Galiña Azul, que conta con 25 prazas divididas en dúas unidades para menores de dous anos. Alí realizáronse melloras por parte da administración autonómica por valor de 25.000 euros para acondicionar os exteriores e o illamento térmico.