Operarios do servizo municipal de Parques e Xardíns iniciarán esta semana a primeira fase dunha actuación que suporá a poda de árbores molestas, enfermas ou que estean en mal estado por toda a cidade.
Nesta quenda inicial, faranse actuacións nas rúas Concepción Arenal, Pardo Bazán, A Barca, Alfonso XIII, Castelao, Cruz Gallástegui e Benito Corbal.
Este traballo executarase despois de efectuar unha análise das necesidades, tanto en arborado aliñado en viais urbanos como en parques, xardíns e diferentes zonas verdes da cidade.
O edil de Medio Natural, Iván Puentes, explica que o Concello decidiu darlle prioridade á poda de ramas mortas, débiles ou afectadas por pragas e enfermidades, así como ao tallado de pólas finas que, ao terse expandido, invaden as fiestras de edificacións e causan molestias.
Dous equipos de tres traballadores de Parques e Xardíns levarán a cabo estas intervencións de carácter preferente, coa axuda de máquinas elevadoras dotadas de cestos para poder operar en altura.
Estas tarefas de poda e limpeza levaranse a cabo sobre unha ampla gama de especies, como ficus, liquidámbares, aceres ou magnolios, que conforman parte da diversidade botánica do arborado das rúas, parques e xardíns de Pontevedra.
Medio Natural inviste 15.000 euros nestas actuacións, que incluirán posteriormente, nas épocas de pouca actividade fisiolóxica, as podas de pólas en bo estado de saúde.
MELLORAS NOS SISTEMAS DE REGO
O Concello tamén vén de asinar a contratación do proxecto para dotar de sistemas de rego a xardíns situados en Monte Porreiro, As Palmeiras, Santa María, San Amaro, rúa Serra, Praza das Regas, rotonda da Barca, Praza de José Martí ou a facultade Belas Artes, entre outras.
A instalación desta rede será executada pola empresa Reforvi Mantenimientos e suporá un investimento de 23.500 euros