O edificio da Xunta de Galicia en Pontevedra acolleu este xoves a presentación da sétima convocatoria do Plan Social de Ence Pontevedra.
O prazo para a presentación de solicitudes comeza este mesmo xoves 25 de xuño e estenderase ata as 23:59 horas do sábado 25 de xullo.
Esta edición conta cun orzamento total de tres millóns de euros destinados a apoiar iniciativas que promovan o desenvolvemento sostible e melloren a calidade de vida dos habitantes dos municipios de Pontevedra, Poio e Marín.
Desde o inicio do programa, arredor de 1.700 proxectos contaron co apoio da empresa situada na ría de Pontevedra.
Durante a presentación, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández, salientou a importancia da cooperación entre o sector público e o privado para acadar fins sociais.
O delegado sinalou que "a actividade empresarial e o compromiso real coa contorna na que opera pode aliñarse cos obxectivos de benestar". Na súa intervención, indicou que estas axudas apoian proxectos impulsados por asociacións veciñais, entidades e clubs locais, destacando o seu esforzo colectivo. Fernández engadiu: "Seguiremos tendendo a man e colaborando con iniciativas públicas e privadas".
Pola súa banda, Antonio Casal, director territorial de Ence en Galicia, explicou a filosofía que rexe a convocatoria sinalando que "o plan social é un xeito de entender a relación co territorio", argumentando que "unha empresa só pode prosperar cando contribúe coa comunidade da que forma parte".
Casal recalcou que para Ence "xerar valor vai máis alá da actividade industrial e económica", orientándose cara ao respaldo de propostas transformadoras propostas por entidades, centros educativos e emprendedores da comarca.
Os tres millóns de euros da convocatoria distribúense en cinco áreas, ademais dunha partida destinada aos gastos de avaliación técnica:
-
Promoción do emprendemento e a innovación: 670.000 euros. Esta partida diríxese a plans de negocio que fomenten o autoemprego e a creación de postos de traballo na comarca mediante solucións tecnolóxicas ou industriais.
-
Promoción do deporte de base e de elite: 640.000 euros. Financia entidades, clubs e deportistas individuais, con especial atención aos deportes minoritarios ou aqueles integrados na natureza.
-
Promoción da inclusión social: 500.000 euros. Destinados a colectivos en situación de vulnerabilidade, facilitando o acceso ao mercado laboral e a igualdade de oportunidades.
-
Recuperación e coidado da contorna: 500.000 euros. Focalizados na protección da biodiversidade da ría de Pontevedra, a economía circular, o uso sostible de recursos e a prevención de incendios forestais.
-
Promoción da educación e a cultura: 500.000 euros. Destinados a preservar a identidade cultural e a implicación veciñal nos concellos da área de influencia.
-
Xestión do proceso de adxudicación e comunicación: 190.000 euros. Orzamento para a avaliación, clasificación e fiscalización transparente das solicitudes presentadas.
Na anterior convocatoria do plan presentáronse un total de 382 proxectos, dos que 240 resultaron seleccionados como beneficiarios das axudas.
Segundo manifestou Antonio Casal, as áreas con maior volume de solicitudes adoitan ser o deporte e o medio ambiente, mentres que a categoría de emprendemento constitúe o sector de maior crecemento nos últimos anos.
AVALIACIÓN E TRAMITACIÓN
O procedemento de selección rexerase por criterios xerais como o ámbito territorial, a viabilidade económica, a durabilidade do impacto a longo prazo e o aliñamento cos compromisos de sostibilidade ambiental.
As solicitudes deberán formalizarse de xeito exclusivo a través do sitio web oficial do programa (www.plansocialence.es), onde están dispoñibles as bases reguladoras completas, unha guía explicativa e os formularios de inscrición.
A empresa tamén habilitou o correo electrónico plansocialpontevedra@ence.es e o teléfono 627 826 069 para resolver as dúbidas dos aspirantes.
A resolución coa listaxe de proxectos adxudicatarios comunicarase a partir do vindeiro 30 de setembro de 2026.
A firma dos convenios de colaboración regulará as obrigas de cada entidade, incluído o uso dunha linguaxe inclusiva nas súas comunicacións. O pagamento, segundo recollen as bases, efectuarase en dúas transferencias: un primeiro adianto tras a sinatura e o importe restante unha vez validada a xustificación económica das actividades.
O prazo límite de entrega establécese para o 31 de agosto de 2027. Aquelas axudas que teñan un importe igual o inferior a 3.000 euros percibiranse nun único pagamento nun prazo de 30 días.
Durante a rolda de prensa proxectouse un documento audiovisual que recolle os testemuños de diversos colectivos que contaron con financiamento en anteriores convocatorias.
Entre as entidades participantes atópanse a Fundación Galicia Sustentable, representada por Marcos Pérez; a Federación de Asociacións de Mulleres de Pontevedra (FEMUPO), a través de Raquel Touriño; e a Granxa de Fina, con Marisé Seoané, dedicada a terapias ecuestres para persoas con discapacidade.
Tamén intervieñen asociacións ambientais e sociais como "Coidadores do Lérez", representada por Antonio Escudero; a Asociación Galega de Deportistas Trasplantados, con Carlos Sánchez; e o sector do emprendemento local mediante a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra, representada por Valeria Giráldez.
No ámbito deportivo, o vídeo amosou os casos da taekwondista internacional Arlet Ortiz, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea, quen destaca o desenvolvemento da modalidade de ParaCanoe para deportistas con mobilidade reducida,, e o piragüista Antonio Castiñeira.