Ence inclúe na web un espazo para denunciar transportistas que adianten incorrectamente

Pontevedra
25 de febreiro 2016
Actualizado: 18:15

Trátase dunha iniciativa proposta polo grupo de defensa da bicicleta Masa Crítica á entidade pasteira e que puxo en marcha a través deste apartado na web en que invita a denunciar a aqueles condutores que cometan actuacións perigosas para ciclistas, peóns e outros condutores

Canal de denuncia por irregularidades de transportistas Ence

"Se un camión con destino a Ence comete unha infracción, informanos por esta canle", con esta mensaxe a empresa pasteira Ence atendeu á petición do colectivo de defensa do uso da bicicleta, Masa Crítica.

Os representantes deste grupo levan tempo denunciando prácticas perigosas por parte dalgúns transportistas no momento de adiantar a outros vehículos pola antiga estrada de Marín. Por este motivo mantiveron un encontro con directivos da fábrica de Lourizán para solicitar algunha fórmula de actuación que poida paliar estas prácticas perigosas para os peóns, ciclistas e condutores.

A empresa decidiu establecer este sistema no que se poden formular denuncias a través da web das irregularidades que se produzan entre Marín e Pontevedra. Os integrantes de Masa Crítica reclaman que se respecte a separación mínima de 1,5 metros nos adiantamentos a ciclistas.

As peticións do colectivo incidían en excluír aos transportistas que teñan condutas de perigo manifesto nun tramo no que se pode circular a 60 quilómetros por hora. Ence incluía inicialmente tan só a opcion de denunciar aos transportistas que non respetasen aos ciclistas, pero Masa Crítica pediulle este xoves á empresa que incluíse nesta canle de denuncias non só as que se produzan contra os ciclistas, senón tamén os peóns e os condutores. Horas máis tarde, a modificación estaba realizada na web corporativa.