En relación ao paro convocado pola Plataforma de Transportistas para a Defensa do Transporte de Madeira en Galicia e Asturias, a empresa Ence emitiu un comunicado no que considera que "a única motivación deste paro" é a defensa dun transportista que agrediu "de maneira absolutamente incívica e inxustificable" a uns ciclistas na entrada da fábrica en Lourizán.
"A compañía reafírmase en non se pode xustificar de ningún modo este comportamento, que rexeita firmemente", asegura no seu escrito.
Ence lembra que se trata dunha persoa "reincidente", que xa agrediu a un empregado de Ence en 2015 e estivo por iso sancionado un mes. Ademais, a empresa non contratou directamente os servizos deste transportista nin impide que traballe para outras empresas.
Para Ence, afirma este comunicado, "é da máxima importancia que a súa actividade empresarial non prexudique nin supoña risco para os afeccionados ao ciclismo", polo que esixe que todos os transportistas que colaboren coa empresa "respecten estritamente as normas de circulación e mostren unha máxima atención aos ciclistas".
"A seguridade das persoas, tanto empregados como colaboradores, así como das súas instalacións constitúe unha prioridade na súa xestión, o que por suposto se aplica ás instalacións de entrega de mercadoría, que son totalmente seguras", conclúe o texto difundido pola empresa de celulosas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.