A Policía Local de Poio está a intensificar o seu traballo de investigación sobre conducións temerarias e posibles competicións de coches no municipio, por mor dun incidente ocorrido na madrugada do martes 9 de decembro.
Un veciño de San Salvador de Poio foi testemuña dun sinistro viario provocado, de madrugada, por unha condución imprudente, achegando unha gravación crucial que permitiu avanzar na identificación dos implicados.
Os feitos tiveron lugar ás 01:36 horas na glorieta de confluencia entre a Avenida Antelo Mariño, Rúa Mato Calderón e Estrada Campañó na Caeira.
A testemuña relatou aos axentes que escoitou derrapes e unha colisión desde o seu domicilio.
Ao asomarse á xanela, observou dous vehículos, un en sentido correcto de circulación e outro en sentido inverso, cos seus condutores fóra dos turismos recollendo da calzada restos dos vehículos, o que suxería un impacto entre ambos.
O veciño, tras alertar sen éxito á Garda Civil, que neses momentos carecía de patrullas dispoñibles, gravou co seu teléfono un vídeo que mostra un Audi A3 detido na zona interior da glorieta e un Renault Clio circulando en dirección contraria pola rotonda.
Esta gravación foi entregada voluntariamente á Policía Local para facilitar a investigación.
O veciño expresaba na súa denuncia que os residentes na zona permanecen preocupados pola frecuencia destas condutas temerarias ao volante, sentíndose "desamparados" ante a impunidade de tales accións.
Dous días despois do suceso, o 11 de decembro, os axentes lograron localizar o Renault Clio, de cor branca e con bacas negras, estacionado nun aparcadoiro público do Concello de Poio.
O turismo branco presentaba danos coincidentes cos observados no vídeo e os descritos pola testemuña: o parachoques desencaixado con arestas saíntes e o faro dianteiro dereito sen protector plástico. Ademais, atopáronse pezas da carrozaría no asento dianteiro dereito.
Tras as comprobacións, verificouse que o vehículo carecía da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) en vigor desde o 1 de abril de 2025.
Como resultado, a Policía Local propuxo sancións tanto pola falta de ITV como pola condución temeraria, que incluía derrapes na rotonda en sentido anti-regulamentario e impacto con outro vehículo.