Enfermería e Cantería piden a voz no pleno provincial

Pontevedra
04 de marzo 2019

Ademais, o PP esixiu responsabilidades políticas pola condena vinculada ao caso de contratación irregular dunha cuñada da presidenta no Concello de Vigo

Protesta do grupo provincial do PP no pleno da Deputación PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra celebrou este luns o pleno correspondente ao pasado mes de febreiro no que pediron quenda de palabra representantes do sindicato de enfermería SATSE e do alumnado da Escola de Cantería.

A secretaria xeral do sindicato SATSE de Galicia, Carmen García Rivas pediu o apoio da corporación á Iniciativa Lexislativa Popular "La sanidad que merecemos. Ley de Ratios". O goberno provincial da Deputación de Pontevedra comprometeuse a trasladar ao Congreso dos Deputados a súa demanda de "mellores ratios de profesionais da enfermería para garantir a seguridade dos e das pacientes en centros sanitarios e outros ámbitos".

Tamén solicitaron o apoio unánime de todos os grupos políticos os representantes do alumnado da Escola de Cantería que demandan a homologación dos títulos de canteiro e de mestre canteiro cos graos medio e grao superior de formación provisional.

"Merece integrarse no sistema educativo galego pola porta grande", dixo a deputada Montse Magallanes. "Agora queda que nos poñamos a traballar entre as administracións", engadiu a deputada Eva Vilaverde.

DIMISIÓN

Non todo foi concordia nesta sesión plenaria. A portavoz do Partido Popular, Elena Muñoz expuxo unha cuestión de orde para que a presidenta explicase o "veto" imposto a unha moción do seu grupo na que se esixían responsabilidades políticas pola condena vinculada ao caso de contratación irregular dunha cuñada da presidenta no Concello de Vigo.

Carmela Silva respondeu que un informe técnico apunta que a súa moción "incumpre a lexislación e o ordenamento xurídico vixente" e lembrou que tamén "hai concellos onde tampouco se admitiu a trámite" ao que os deputados do PP responderon levantando uns carteis nos que se pedía a dimisión da presidenta. "Podería pedirlles que retirasen os carteis pero non o vou a facer porque hoxe son unha comparsa de Entroido", contestou a presidenta.