Enfróntase a 400 euros de multa e á retirada de 3 puntos por conducir un tractor sen arco protector e con auriculares

O Salnés
27 de febreiro 2019

Unha veciña do municipio de Cambados foi detectada pola patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra. O subsector de Tráfico ten en marcha unha campaña de prevención reclamando aos usuarios a instalación de medidas protectoras para evitar que envorque a maquinaria agrícola

A Garda Civil de Tráfico no momento do control do tractor Guardia Civil de Pontevedra

A patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra sorprendía na tarde deste mércores a unha veciña de Cambados cando conducía un tractor sen arco de seguridade e con auriculares. 

Ante esta situación, os axentes identificaron á condutora que se enfronta a dúas sancións económicas de 200 euros cada unha e a retirada de 3 puntos do carné de circulación.

O Subsector de Tráfico ten en marcha unha campaña de prevención para incidir na necesidade de que as persoas que utilizan esta maquinaria agrícola instalen medidas de protección. Esta campaña leva a cabo ante os preocupantes datos de accidentes protagonizados por tractores na provincia de Pontevedra.

Entre os anos 2016 e 2018, cinco persoas falecían nos 53 accidentes rexistrados con estes vehículos. Por este motivo, a Garda Civil alerta da obrigatoriedade de utilizar o arco de seguridade, que reduce á metade o risco de que o accidente sexa mortal. Os tractores detectados sen esta medida de protección son inmobilizados e a persoa que o manexa ten que afrontar unha multa de 200 euros.