O Enterro da Sardiña faise esperar, pero non falla á súa cita en Portonovo

Sanxenxo
01 de marzo 2026
Actualizado: 13:21

O acto estivo organizado pola Asociación Comisión de Festas San Cristóbal de Portonovo, en colaboración co Concello, que lograron rescatar a tradición

Enterro da sardiña
Enterro da sardiña /

Nin a choiva puido acabar coa sardiña. Aínda que o chuvieiro obrigou a suspender o tradicional Enterro da Sardiña o pasado mércores de Cinza, Portonovo non estaba disposto a renunciar a un dos actos máis simbólicos do seu entroido.

Dez días despois da data prevista, e tras a multitudinaria "Festa do Jato" celebrada o día 21, a vila mariñeira despediu por fin o Entroido como manda a tradición.

Enterro da Sardiña, en Portonovo
Enterro da Sardiña, en Portonovo Concello de Sanxenxo

A espera non restou solemnidade nin humor á cita. A comitiva fúnebre partiu desde a marquesiña de Portonovo entre esaxerados saloucos, plañideras entregadas ao seu papel e veciños que acompañaban á protagonista do duelo no seu último paseo. O cortexo avanzou por distintas rúas, sumando curiosos e cómplices a cada paso, até enfilar rumbo ao porto.

Foi alí, no recinto portuario, onde se escenificou o adeus definitivo. Entre queixumes teatrais e algun que outro sorriso inevitable, a sardiña ardeu poñendo o broche final a máis dunha semana de celebracións.

Queima da Sardiña
Queima da Sardiña Concello de Sanxenxo

O acto estivo organizado pola Asociación Comisión de Festas San Cristóbal de Portonovo, en colaboración co Concello, que lograron rescatar a tradición e devolverlle o seu lugar no calendario festivo, aínda que esta vez con atraso. Porque en Portonovo, se o Entroido non pode despedirse cando toca, simplemente aprázase… pero nunca se cancela.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en