Este venres entrou en vigor a reordenación da rúa Palamios co cambio de sentido de circulación das rúas Ribeira dos Peiraos e Ribeira dos Gafos.
A primeira -antes de entrada cara o barrio de San Roque- agora é de saída; e a segunda -antes de saída- agora é de entrada ao barrio.
Deste xeito agora non é posible acceder co vehículo directamente desde a rotonda das Corbaceiras en dirección a Palamios, e haberá que ir ata Manuel del Palacio para dar a volta e entrar Ribeira dos Gafos.
O departamento de Mobilidade que xestiona Demetrio Gómez agarda que esta medida permita reducir o incremento de tráfico da rúa de Palamios derivado do peche ao tráfico rodado de Raíña Vitoria que aumentou nun 525 %, ao pasar dunha media duns 750 vehículos diarios a máis de 4.200.
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou que "esta medida crea un sentido lóxico de circulación semellante ao dunha rotonda", e aínda que supoña arredor de 150 metros máis de circulación en coche para a veciñanza da rúa, o departamento entende que "gañará en calidade de vida" xa que "Palamios non estaba preparada para asumir o volume de tráfico actual".
O cambio de sentido de tráfico desas dúas rúas completa a intervención prevista polo Concello de Pontevedra no barrio de San Roque para reaxustar o tráfico.
Segundo o indicado por Demetrio Gómez, durante a xornada do venres non houbo ningunha incidencia relevante, nin na contorna do Gafos, nin na rúa Manuel del Palacio, alén "dalgún condutor despistado que chegou até as rúas, deu a volta e incorporouse de novo á circulación". A Policía Local de Pontevedra sinala que o tráfico funcionou con normalidade e "perfectamente".
O vindeiro luns a Policía Local seguirá prestando atención á zona cun operativo especial de vixilancia, mais non se agarda ningún tipo de incidente relevante.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.