Miguel Anxo Fernández Lores: "Fixéronse moitos atentados ambientais nesta cidade. Estamos traballando para revivir un morto"

Pontevedra
22 de maio 2025
Actualizado: 11:41

Hai apenas unha semana, Miguel Anxo Fernández Lores confirmaba o que era un segredo a voces. Que buscará ser reelixido como alcalde de Pontevedra. Afirma ter "moita ilusión por seguir traballando"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Hai apenas unha semana, Miguel Anxo Fernández Lores confirmaba o que era un segredo a voces. Que buscará ser reelixido como alcalde de Pontevedra. Tras 26 anos á fronte do goberno municipal, afirma ter un "interese especial e moita ilusión por seguir traballando".

Nesta entrevista con PontevedraViva, que coincide co ecuador do seu sétimo mandato, Fernández Lores fai un repaso de todo o traballo realizado ata o momento e que, segundo avanza, continuará na mesma liña porque os cidadáns "nos acompañan e nos avalan".

"Creo que Pontevedra non ten límite e imos seguir poñendo as bases para que siga crecendo", asegura o rexedor pontevedrés, que lamenta que a oposición non teña un proxecto "claro" para confrontar co seu, algo que "é malo" para toda a cidadanía.

Hai uns días anunciou que se presentará de novo ás eleccións. Faltan aínda dous anos. Por que desta vez tiña tanta présa por confirmalo?

En 2023 tomei a decisión de presentarme para un proxecto de oito ou dez anos. Quería traballar con calma, sen présas e cun plantexamento de futuro. Sería incongruente dicir que marcho. Teño novos folgos, máis ganas de facer cousas e de poñer a esta cidade no máis alto.  

Quero presentarme porque me atopo ben. Teño moita experiencia e un equipo impresionante. Creo que Pontevedra está sendo un referente e temos moitísimos proxectos para esta cidade que fan que teña un interese especial e moita ilusión por seguir traballando.

Despois de 26 anos como alcalde, aínda lle quedan cousas por facer?

Claro que quedan. Hai moitos temas que están en marcha. Como o salto adiante que imos a dar na xestión dos residuos domésticos. É algo que me preocupou sempre. Vai a levar o seu tempo, pero en xuño comezaremos a despregar todo o sistema.

E queremos seguir traballando en moitas cousas relacionadas co medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a calidade de vida da xente. Estamos convencidos de que os cidadáns nos van a acompañar neste camiño. Como o fixeron ata o de agora.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraMónica Patxot

Non está canso ou esgotado como adoita dicir a oposición?

Gustaríame que o PP fixera unha oposición construtiva. Vai dando bandazos e non teñen un proxecto claro para esta cidade. Iso é malo para todos. Poñen sempre por encima os seus intereses persoais ou partidarios. Dubido se é porque o seu portavoz non ten capacidade ou se a responsabilidade é do propio partido. Están sobreactuados.

Desde a súa posición como alcalde, como ve a Pontevedra na que vivimos?

Pontevedra é unha cidade dinámica e activa. Está na boca de todo o mundo. Hai moitos aspectos nos que estamos na vangarda, sobre todo en temas de urbanismo, medio ambiente, calidade urbana ou mobilidade. E estamos nun momento de crecemento sostido.

Creo que temos un futuro esplendoroso por diante se poñemos en valor o noso territorio, a nosa cultura ou a nosa calidade urbana e ambiental. Vivimos no paraíso e somos unha das cidades máis dinámicas de Galicia. Os datos están aí.

Cal diría que é a espiña cravada que aínda non logrou sacar?

A espiña máis gorda é a ría. A miña esperanza é poder saneala e dedicala ao que ten que dedicarse, ao esparexemento, ao marisqueo, á pesca de baixura, aos deportes náuticos... Temos dereito despois de 60 anos. Non deixarei nunca de loitar porque Ence se traslade.

E preocúpame tamén o que estamos a facer co monte deste país. Estamos a convertelo nunha bomba de reloxería co monocultivo do eucalipto en vez de diversificar o seu uso. Iso nos vai a levar a ter problemas gordos. Temos que apostar por un bosque diverso e produtivo.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraMónica Patxot

Non cre que, a pesar dos pasos dados, a cidade segue a vivir de costas ao río?

Si, pero creo que aí ten que ver o tema dos recheos e a necesidade de dragalo. Pero, non o digo por botarme flores, o río mellorou moito con todo o traballo que fixemos. Agora toda a súa beira é un espazo que utiliza moita xente e que ten unha calidade altísima.

Todo cambiou moito. Non hai contaminación e o río ten una biodiversidade importante. A mellor zona é a da Xunqueira. A peor, a de Lourizán por todo o que ten que ver con Ence.

Fixéronse moitos atentados nesta cidade nos anos 50, 60 e 70. Fixéronse recheos na zona do CGTD e en Beiramar, acabaron coas xunqueiras, tapouse o Gafos... Estamos traballando para revivir un morto. Estamos facendo moitas cousas que permiten que miremos cara ao río.

Ata o de agora os grandes proxectos que se abordaban nas cidades estaban relacionados coas infraestruturas, pero cada vez é máis importante a transición verde. Para Pontevedra tamén é unha prioridade?

Hai proxectos en marcha que van a ser moi importantes. Está a renaturalización do Gafos, todo o traballo que iniciamos para recuperar a Xunqueira de Alba, o parque da Parda... Vai máis lento do que nos gustaría, pero estamos a dar pasos en firme cara a unha cidade máis verde.

Somos moi afortunados porque no entorno da cidade temos de todo. Temos a ría, os ríos, as xunqueiras, os montes, os parques forestais... Hai que seguir a potenciar todo iso e a mellorar a calidade do aire, que ten que ver coa redución do tráfico e a deslocalización de empresas.

Estamos facendo o que hai que facer. Sei que hai xente que pensará que se podería facer máis rápido, pero os tempos da administración son complexos e hai que pedir moitos permisos.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraMónica Patxot

E no ámbito da transformación urbana cales van a ser os próximos pasos?

Estamos traballando en toda a cidade, que declaramos como zona de baixas emisións. No centro e tamén nos barrios. Acabamos de renovar todo O Castañal e agora Mollavao é prioritario. Temos o financiamento e estamos pendentes do último permiso do ADIF.  

E seguiremos avanzando porque temos claro que reducindo o tráfico urbano se mellora a calidade do aire. Se é mala, mata á xente. O ruído tamén. Hai que adiantarse e facer o que temos que facer, tomando decisións valentes. O espazo urbano ten que ser máis compacto.

É o problema de seguridade que moitos aprecian na cidade un tema que lle preocupa?

Os datos son datos. Hai unha redución de todo tipo de delitos. Non o digo eu, son datos oficiais. Hai algúns que non houbo en todo o ano, como os roubos en vivendas. Outra cousa é a impresión que poida ter a xente dunha problemática que teñen todas as cidades.

Hai certa exclusión social de xente que non teñen capacidade para pagar unha vivenda digna ou que teñen problemas de saúde mental ou de adicción. Como se resolve iso? Con máis atención social. Pero non estamos a falar dun problema de violencia.

Se hai alguén que quere sobreactuar con este tema, que sobreactúe. As policías están en contacto permanente. Controlan que xente está na rúa. Todo é mellorable. Algúns claro que cometen delitos pequenos, pero non podemos saltarnos a lei e metelos no cárcere.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraMónica Patxot

Se cadra, o maior problema social que existe agora mesmo, non só en Pontevedra, é a cuestión da vivenda. Que se pode facer para mellorar a situación actual?

Todo pasa por non adiantarnos aos problemas. A vivenda pública que se está facendo agora pudo facerse hai cinco ou dez anos. Son as mesmas parcelas que había daquela. Levan quince anos a monte. Non houbo unha previsión de xerar vivenda. Nin na Xunta nin no Estado, que tamén ten competencias.

Nós estamos dispostos a poñer máis solo no mercado, pero non podemos construír. Eu, en todo caso, agradezo que agora se estean a tramitar dunha forma rápida. E ademais notamos unha reactivación das promocións privadas. Ter más oferta no mercado vai a facer que, se non baixan, os prezos como mínimo vanse a conter.

Pero non chega con falar ou darlle á lingua. Hai que poñerse a traballar. Non pode ser que haxa tantas dificultades ou que a xente teña que gastar un 40% do seu salario para poder pagar unha hipoteca. Iso está moi por encima do que é razoable.

Falaba agora da Xunta de Galicia. Parece que as relacións entre o Concello e o goberno galego pasan por un bo momento...

Aquí houbo un boicot a Pontevedra durante moitos anos. Afortunadamente déronse conta de que iso non lles ía ben e houbo unha rectificación. Eu sempre digo que cando o PP rectifica, acerta. Acertou coa vivenda, co hospital, coa variante de Alba ou coa ampliación do Campiño. Antes negábanse sistematicamente. Eu alégrome porque sn demandas históricas do Concello.

A Xunta ten que escoitar aos concellos, que somos os que estamos a pé de obra. Sabemos o que queremos. Pero tamén é certo que hai cousas nas que non cambiaron. Como con Ence ou Altri. A ver se conseguimos que cambién tamén niso porque este país é o único que temos e temos que coidalo entre todos.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de PontevedraMónica Patxot

E se coa Xunta foron a mellor, parece que coa Deputación pasou o contrario. Ou así o ten denunciado publicamente o goberno municipal, non?

Desde que estou de alcalde pasaron varios presidentes. O mellor foi o binomio entre Carmela Silva e Mosquera. Tivemos unha relación extraordinaria en beneficio de todos os pontevedreses.

Incluso con Louzán e Abeledo, nos seus últimos mandatos, cambiaron moito as cousas e chegamos a acordos con eles. Agora, se ben é certo que se mantiveron os acordos anteriores, as relacións son manifestamente mellorables. A capacidade de xestión está á altura do betún.

Preocúpalle o atraso que acumulan Santa Clara ou os edificios centrais do Museo?

Levan moito tempo dando voltas e iso é malo para Pontevedra. Os vellos edificios do Museo levan trece anos pechados. Están en moi malas condicións e as obras, que aínda non comezaron, debían estar rematadas xa este ano. E con Santa Clara, igual. Todo parado. O Museo de Pontevedra é absolutamente fundamental para a cidade. Claro que me preocupa.

E con respecto ao Estado, como cre que van as cousas?

Todo a ritmo de tartaruga, si. Hai temas que se eternizan. Nós intentamos que se movan por todos os medios e, desde logo, a presenza de Carme da Silva no Senado axuda moito. Pero a administración central ten a Pontevedra absolutamente discriminada. Chegamos tarde a todo. Agardamos que os temas pendentes se desatasquen o antes posible.

Cre que Pontevedra está en disposición de seguir crecendo?

Todas as cidades melloran. Compartimos a preocupación pola calidade de vida e o medio ambiente, pero nós estamos na vangarda en moitos aspectos que son fundamentais para as cidades do futuro. Así que, sinceramente, creo que non hai unha cidade que avanzara tanto coma nós. E seguiremos traballando con ese obxectivo.

E xa para rematar, que mensaxe lle gustaría trasladar aos cidadáns? Que poden agardar do futuro?

Eu confío moito na sociedade de Pontevedra. É unha sociedade moi avanzada, que aposta por mellorar a calidade de vida e que nos acompaña en todos os plantexamentos que lles facemos. Creo que Pontevedra non ten límite e nós imos a seguir atentos e poñer as bases para que Pontevedra siga medrando.

Só lles pediría que nos sigan acompañando como ata o de agora. O que conseguimos, conseguímolo entre todos. Sen eles, non sería posible avanzar. En todo o que fixemos, unha grande maioría de xente o entendeu. Creo que aínda hai moito que mellorar e quero contar con todo o mundo para que sexa así.