Entruido inclusivo con protagonismo para o comercio local en Soutomaior

Soutomaior
27 de xaneiro 2026
Actualizado: 16:57

O Entruido chega a Soutomaior o sábado 7 de febreiro co gran desfile abrindo xornadas que unirán baile, tradición e gastronomía

Desfile de comparsas Entruido de Soutomaior
Desfile de comparsas Entruido de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior xa ten todo listo para recibir unha das festas máis agardadas do ano. O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentaron hoxe unha programación de Entruido.

Nesta ocasión, o goberno local quere recuperar tradicións, dinamizar o comercio local e apostar pola inclusión social.

A festividade comezará oficialmente o sábado 7 de febreiro co gran desfile de comparsas.

Como novidade destacada no ámbito da accesibilidade, o primeiro treito do percorrido, desde o cruce do Viso ata o cruce de Cima de Vila, será un "tramo silencioso", deseñado para que as persoas con sensibilidade acústica poidan gozar da cita en igualdade de condicións.

O desfile, que partirá ás 17:30 horas, estará liderado por unha figura emblemática do municipio: "Juan de Arcade". O pregoeiro, xa o día anterior, o venres 6, comezará a quentar motores visitando as zonas comerciais de Soutomaior (de 11:00 a 13:30 h) e de Arcade (de 16:30 a 21:00 h) para animar as compras e a participación veciñal.

A xornada do sábado culminará na Alameda de Talo Río arredor das 20:00 horas coa lectura do pregón, a entrega de premios e a verbena a cargo do Trío Armonía.

Os máis pequenos terán un papel central na programación. O venres 13 de febreiro, o alumnado do CEIP Manuel Padín Truiteiro protagonizará o seu propio desfile escolar ás 10:30 horas.

A festa infantil continuará o sábado 14 en Talo Río coa "Peque Disco MocMoc" de Mere Clown, un espectáculo que mesturará música, circo e humor.

O domingo 15, a actividade trasladarase á renovada Praza do Val Sobral, que se converterá no epicentro do costume coa celebración da Festa do Galo, o Encontro de Entruidos e a Fiada. 

Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentan o Entruido 2026
Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentaron o Entruido 2026Concello de Soutomaior

A economía local tamén se suma á festa a través do concurso "Vaia Meco". A concelleira Rosana Comesaña fixo un chamamento á veciñanza para percorrer os establecementos adheridos e gozar da sátira dos seus escaparates, onde os tradicionais bonecos de trapo e os versos retranqueiros serán os protagonistas.

O Mércores de Cinza, 18 de febreiro, recupérase o Enterro da Sardiña.

A comitiva fúnebre sairá ás 19:30 horas da Praza de Cima de Vila cara a Cagazó, contando coa colaboración de diversas entidades culturais como a Banda de Música Artística de Arcade e as asociacións A Xesteira, Moreira a Tope e Miúdos.

"En Soutomaior, o Entruido vívese con humor e retranca", subliñan desde o goberno local, convidando a toda a comarca a participar nestes días de festa.

Arquivado en