A Deputación de Pontevedra ten previsto reabrir ao tráfico esta noite na estrada EP-8002 Caldas-San Clemente, unha vez terminen os últimos traballos de asfaltado na zona.
Nesta obra de emerxencia no punto quilométrico 0+600, o goberno provincial investiu 150.000 euros. A actuación executouse "en tempo récord".
O prazo estimado era de tres meses, e en menos dun mes xa foi terminada, arranxando así os problemas de seguridade viaria detectados nunha inspección realizada por técnicos provinciais.
Durante a inspección constatouse a existencia de importantes cavidades baixo a estrada, nunha zona na que existe un muro de contención de considerable altura. Estas oquedades provocaron a perda de material de recheo baixo a calzada e gretas no pavimento.
Segundo os informes, de continuar avanzando esta situación podería producirse o afundimento da estrada, co conseguinte perigo para a seguridade viaria.
Coas obras de urxencia desenvolvidas, reparouse a situación para evitar que siga caendo material de recheo baixo a estrada cara á base da estrutura de contención existente. Para iso, fresaron o asfalto, retiraron terras até chegar á base da estrutura de contención, e garantiron a correcta drenaxe das augas procedentes dun nacemento natural existente baixo a carreterra.
Tamén realizaron o recheo, a compactación de terras e a reposición do firme para recuperar a circulación con plenas garantías de seguridade.
Nestes momentos os operarios están a terminar de asfaltar e a próxima semana está previsto que se realice o pintado da vía.
Por outra banda, o goberno da Deputación aclara que as cinco alternativas polas que se desviou o tráfico neste tempo son titularidade do Concello e non se responsabiliza do seu actual estado.