Érase unha árbore sobre unha casa caída

A Lama
18 de agosto 2015

O Concello da Lama anunciou este martes que operarios municipais procederán a torar e retirar con coidado a árbore centenaria, que se encontraba totalmente carcomido e, malia que fora obxecto dunha intervención para evitar a súa deterioración, non puido resistir o embate do vento e o mal tempo 

Árbore caída sobre unha casa na Xesta, na Lama Concello da Lama

Na parroquia da Xesta, no Concello da Lama, hai dende o fin de semana unha imaxe que chama a atención a todo o que pasa polas inmediacións: un carballo de grandes dimensións caeu sobre un farol e unha varanda para rematar deitado sobre o tellado dunha casa.

O Concello da Lama anunciou este martes que operarios municipais procederán a torar e retirar con coidado a árbore centenaria, que se encontraba totalmente carcomido e, malia que fora obxecto dunha intervención para evitar a súa deterioración, non puido resistir o embate do vento e o mal tempo que azoutou durante o sábado e o domingo ao municipio da Lama.

A árbore está nas inmediacións do campo da festa da Xesta e será retirada ao longo dos próximos días dun xeito minucioso e con coidado coa intención de non provocar ningún dano, respectando especialmente o tellado sobre o que repousan parte das ramas.

O Concello recorda aos propietarios de árbores e terreos que deben facer os axeitados labores de limpeza e prevención de incendios forestais, sobre todo, naquelas propiedades que colindan con vías públicas e vivendas ,ya que as altas temperaturas que se rexistran en verán e a falta de roza son elementos que poden contribuír á existencia de incendios que poden volverse moi perigosos non só para as propiedades senón tamén para as persoas.