Ernesto Filgueira, presentado como candidato do BNG, promete mellorar a rede de saneamento

Cerdedo-Cotobade
19 de novembro 2022

Na súa presentación pública como candidato do BNG á alcaldía de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira resaltou a necesidade de abrir un tempo novo no municipio onde se prioricen as necesidades da veciñanza

Presentación pública de Ernesto Filgueira como candidato á alcaldía de Cerdedo-Cotobade
Presentación pública de Ernesto Filgueira como candidato á alcaldía de Cerdedo-Cotobade / BNG de Cerdedo-Cotobade

O BNG realizaba este venres o acto de presentación pública de Ernesto Filgueira como candidato nacionalista á alcaldía de Cerdedo-Cotobadenas vindeiras eleccións municipais.

No acto participaron o deputado do Bloque, Luís Bará, e a traballadora da sanidade e integrante do Consello Local do BNG, Rocío Graña, que analizou a situación dos centros de saúde situados no municipio, para acusar ao PP de practicar unha política de desmantelamento. Tamén participou Lucía Aguete, en representación de Galiza Nova.

Ernesto Filgueira invitou os asistentes a abrir un tempo novo para Cerdedo-Cotobade no que se priorice a atención ás necesidades da veciñanza. No seu programa afirmou que aposta por un proxecto integral que transforme o concello e poña en valor os recursos propios.

Cualificou de "deslabazada" a política actual no goberno local e amosou a súa intención de impoñer unha proposta global e planificada para evitar a perda constante de poboación e facer fronte aos problemas sanitarios, á perda de servizos bancarios e ao "espolio eólico" dos montes da vila, entre outras cuestións.

Avanzou que o seu obxectivo e crear un plan turístico, un modelo enerxético máis ecolóxico, unha programación cultural estable, e a recuperación da memoria histórica e do patrimonio local. "Comprometémonos a mellorar a rede actual de saneamento e levala a todos os lugares do Concello", prometeu Filgueira durante a súa intervención.