O polbo e a nécora regresaron ás prazas galegas tras o fin da veda cun arranque de campaña que difire do que moitos esperaban.
No mercado de Pontevedra, as peixeiras coinciden en que hai pouca pesca e prezos altos condicionados por un primeiro día marcado polo vento do norte e a lúa chea.
"Houbo barcos que tiveron que volver a terra porque non podían faenar", explica Lolita, de Pescados Lolita. Esa escaseza trasladouse directamente aos postos con "pouco produto que fai que suban os prezos", resume.
No caso do polbo, o produto estrela do verán, os prezos son elevados.
As pezas pequenas, de ao redor dun quilo, sitúanse preto dos 18 euros, mentres que os exemplares de dous quilos ou máis alcanzan entre 20 e 22 euros o quilo.
"A xente vén, pregunta, pero cando ve o prezo bótase atrás", conta Moura, de Pescados Vilaxoán. Aínda así, a demanda existe ao ser "un produto que sempre se vende ben". De feito, moitos particulares "aproveitan para ter no conxelador", apuntan desde outros postos.
Margarita Barreiro, de Pescados Margarita, sinala que, segundo díxolle un mariñeiro, as capturas foron "nefastas", tanto de polbo como de nécora.
No caso do primeiro, explica que hai variedade de tamaños e tamén produto "despatado", é dicir, exemplares aos que lles falta algunha pata e que se comercializan a un prezo algo inferior. "É o máis económico, pero segue sendo carísimo", subliña.
De feito, en caso de María del Carmen Santos despachou os 30 quilos de polbo que tiña dispoñibles. "A xente estaba a esperalo. No verán é cando máis se consome, aínda que cando mellor está é no inverno", explica. Con todo, "con este tempo non se pode valorar como será a campaña".
Máis complicada é a situación da nécora, cuxa escaseza é aínda maior e os prezos dispáranse en lonxa.
"Hai moi poucas capturas", resume Barreiro. A mediana rolda os 37 euros máis IVE e a grande supera os 55. "Xa o ano pasado foi cara, pero este ano tamén hai moi pouca", sinala. Nalgúns postos apenas chegaron "unha ou dúas caixas", con prezos que alcanzan os 70 ou 80 euros.
A pesar de todo, "a xente pregunta, sobre todo pensando na fin de semana", coinciden varias vendedoras. O xoves, tradicionalmente máis bambo, non axudou a animar as vendas, pero todas esperan maior movemento tanto o venres como o sábado.
Con todo, as expectativas pasan pola mellora do tempo. "Se acouga o norte, a semana que vén debería haber máis produto e estabilizarse un pouco", apuntan.