En tempos de descenso da natalidade en Galicia, calquera noticia vinculada á educación infantil soa a esperanza.
Así o quixo subliñar este venres o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a inauguración da ampliación da Escola de Educación Infantil (EEI) Concepción Crespo Rivas, unha obra que suma 350 metros cadrados ao centro.
"No ámbito de infantil sempre é bonito poder inaugurar unha ampliación", celebrou Rodríguez, visiblemente satisfeito co resultado.
Actualmente, na escola Crespo Rivas estudan preto de 200 nenos e nenas de cuarto, quinto e sexto de infantil.
A actuación, executada por Construcións Castro cun orzamento de 720.000 euros, permitiu levantar un novo edificio anexo ao existente. Grazas a iso, o colexio conta agora cunha aula adicional, unha sala de profesores e unha espazosa sala de usos múltiples, ademais de liberar zonas que antes estaban moi limitadas.
O conselleiro, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez-Ares, percorreu as novas instalacións deste "centro de referencia de infantil na cidade".
A ampliación, xa finalizada a falta de colocar parte do mobiliario, tamén supuxo un cambio na entrada principal do colexio, que pasa a situarse na zona de Campolongo, xunto ao ximnasio e as piscinas de Be One.
Rodríguez destacou ademais a mellora enerxética do edificio, que substituíu a súa antiga caldeira de gasóleo por unha de gas.
A nova entrada é "máis nobre e funcional", apuntou o titular de Educación, quen lembrou que esta intervención forma parte dás 52 obras de ampliación ou nova construción que a Xunta acomete desde 2021 "para dar resposta ás necesidades educativas alí onde a poboación o demanda".
En Pontevedra, a ampliación da Crespo Rivas súmase a outras actuacións recentes como a do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (2,7 millóns de euros) e a do Instituto Luís Seoane (723.000 euros).
FOLGA DOCENTE
Durante a visita, Román Rodríguez tamén foi preguntado pola folga convocada pola CIG-Ensino para os días 28 e 29 de outubro. O conselleiro afirmou respectar o dereito ao paro, aínda que lembrou que en convocatorias anteriores a participación foi "inferior ao 15 %".
A central nacionalista reclama unha redución de ratios, a recuperación de horarios e melloras salariais. Rodríguez defendeu que Galicia "ten un bo sistema educativo, aínda que quedan cousas por mellorar".